Publicador de contidos
Publicador de contidos

O gromo de botulismo deixa ata o momento catro casos confirmados e tres probables

O gromo de botulismo deixa ata o momento catro casos confirmados e tres probables

Un dos casos confirmados produciuse en Ourense

G24.gal 19/07/2023 20:48 Última actualización 20/07/2023 13:01

O gromo de botulismo asociado a tortillas de pataca envasadas deixou por agora catro casos confirmados en Valladolid, Asturias e Galicia e tres probables en Madrid, Andalucía e na Comunidade Valenciana.

Tanto os dous casos confirmados de Galicia e Asturias, dúas persoas de 49 e 50 anos, respectivamente, que comeron este produto entre o 19 de xuño e o 5 de xullo, coma o probable de Madrid, de 49 anos, con síntomas desde o pasado día 10, requiriron de tratamento na UCI, segundo dixo o Centro de Coordinación de Emerxencias e Alertas Sanitarias (CCAES) no informe que emitiu sobre este gromo o mércores.

Os tres casos probables —ademais do de Madrid, unha persoa de 43 anos residente na Comunidade Valenciana e outra de 27 anos de Andalucía que consumiron unha destas tortillas entre o 19 de xuño e o 5 de xullo— presentan unha situación clínica compatible e un vínculo epidemiolóxico.

Todos eles, os confirmados e os probables, teñen antecedentes de consumir tortilla de pataca precociñada, envasada e adquirida en diferentes supermercados de comunidades "con diferentes marcas".

O caso de Ourense: un home de 49 anos xa dado de alta

 Un dos catro casos confirmados de botulismo relacionado co consumo dunha tortilla de patacas envasada correspóndese a un home de 49 anos de idade que estivo ingresado no Hospital de Ourense.  

En concreto, segundo detallou a Consellería de Sanidade, trátase dun home tivo que recibir asistencia no Hospital de Ourense e xa recibiu o alta. O afectado chegou estar na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).   

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade