Alerta máxima no Hierro, A Palma e Gran Canaria polo paso do ciclón Hermine
De madrugada rexistráronse máis dun cento de incidencias no arquipélago
Agárdanse precipitacións e ventos máis intensos nas vindeiras horas
Desde hai algo máis de dúas horas O Hierro, A Palma e Gran Canaria están en alerta vermella pola proximidade do ciclón Hermine, mentres o resto das illas permanecen en aviso laranxa.
Aínda que o núcleo deste fenómeno tropical, que antes foi furacán, non toque as illas Canarias o seu rastro xa se está a facer notar. Vai cara ao oeste pero as vindeiras horas, especialmente durante a madrugada do luns, as chuvias e o vento van ser aínda máis intensas.
O Hierro, o leste da Palma e o sueste de Gran Canaria seguirán en nivel vermello ata as doce da noite, con posibilidade de ampliar a alerta ata o luns, día no que se suspenderon as clases.
A UME xa está no arquipélago e todos os aeroportos seguen operativos. Porén, Binter suspendeu os voos ás tres illas en alerta máxima ata este mediodía e un cento de voos foron cancelados ou desviados, a maioría en conexión con Tenerife Norte e A Palma.
Un cento de incidentes
Esta madrugada as emerxencias canarias rexistraron máis dun cento de incidentes. Houbo desprendementos en Valverde, no Hierro, asolagamentos, caídas de árbores sobre coches estacionados e incidencias no tendido eléctrico en Tenerife.
En Gran Canaria afundiuse parcialmente o firme da estrada do Dragonal e varios garaxes e sotos están anegados.