Prisión para o ex-membro do GRAPO detido en Vigo por disparar nunha discusión
Prisión para o ex-membro do GRAPO detido en Vigo por disparar nunha discusión
Impútaselle un delito de tentativa de homicidio e outro de tenza ilícita de armas
O Xulgado de Instrución Número 5 de Vigo decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza, para o "histórico terrorista" do GRAPO detido por disparar cunha arma durante unha discusión.
Manuel B. G., de 69 anos e con antecedentes penais, está a ser investigado por tentativa de homicidio, tenza ilícita de armas e posibles ameazas, pendentes de confirmar ao longo da instrución.
Os feitos sucederon sobre as sete da tarde do xoves pasado no parque de Castrelos, cando o arrestado mantivo unha discusión con outro home “polos cans”, segundo a Policía.
Entón, sacou unha pistola e disparou polo menos dúas veces, un dos tiros impactou nunha árbore, sen que, afortunadamente, ningún dos dous chegase a alcanzar a ninguén.
Tras recibir o aviso do sucedido, varias patrullas acudiron ao lugar e acordoaron a zona antes de que a Policía Local detivera o agresor, que xa non tiña a arma no seu poder. Despois, entregou a pistola en comisaría.