Publicador de contidos
Publicador de contidos

O incendio das Hurdes, fóra de control tras queimar 8.000 hectáreas

O incendio das Hurdes, fóra de control tras queimar 8.000 hectáreas

O vento dificulta os labores de extinción

A Junta de Estremadura, convencida de que foi intencionado

Antón Montero 19/05/2023 19:55 Última actualización 19/05/2023 20:05

48 horas despois de iniciarse, o incendio nas Hurdes non dá tregua. As lapas avanzan sen control empurradas por un vento incesante que, por momentos, sopra a 60 quilómetros por hora e alimentadas por masas de piñeiro altamente inflamables. O lume alcanza xa os montes da Serra de Gata.

As autoridades decretaron o nivel 2 de perigosidade, o que implica a intervención de medios estatais. 14 helicópteros e avións combaten o incendio, ademais de 400 persoas, incluídas a Unidade Militar de Emerxencias e equipos cedidas por Castela-A Mancha e Castela e León.
 

Guillermo Fernández Vara, presidente da Junta de Estremadura, asegura que "non é un problema de medios. É un problema de vento. Onte, xente moi experimentada dixo que vira cousas que non vira na vida, como puido o lume avanzar a velocidade de vertixe".
 

O balance oficial fala de 2.500 hectáreas queimadas, pero os equipos de extinción estiman que a cifra real está xa entre as 7.500 e as 8.000. Houbo que desaloxar 700 veciños de 4 localidades.

Un deles admite que pasou "medo, si, eu e os nenos, levamos dúas noites sen durmir. Alguén quere acabar coas Hurdes". Outro confesa que sinte "moita pena, eu levo moitos anos paseando por aquí todos os domingos, e agora, que imos facer!".

O lume comezou ás nove e media da noite do mércores. Tanto pola hora como pola presenza de vehículos nas proximidades dos primeiros focos, as autoridades non dubidan de que se trata dun incendio intencionado.

Fernández Vara explicaba que "con ventos de ata 60 quilómetros por hora, é moi difícil prever cal vai ser a evolución. Obviamente, quen o fixo sabía moi ben o que facía, como o facía e cando o facía".

A magnitude do incendio lembra o declarado hai 20 anos na mesma zona, aínda que daquela, a mesma superficie ardeu en varios días e desta volta, en menos de 48 horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade