O incendio dun camión provoca o corte no tráfico na AP-9 durante unha hora en Abegondo
O incendio dun camión provoca o corte no tráfico na AP-9 durante unha hora en Abegondo
Os servizos de emerxencia conseguiron habilitar un carril logo de que o sinistro provocara importantes retencións na autoestrada en dirección Santiago
O incendio dun camión na autoestrada AP-9, á altura de Vizoño, no concello coruñés de Abegondo, provocou este luns un corte total do tráfico en dirección a Santiago, que durou aproximadamente unha hora.
O sinistro produciuse á altura do quilómetro 32 da autoestrada, por causas que, polo momento, se descoñecen. Nestes momentos xa se circula pola AP-9 en dirección a Santiago, pero só por un carril.
O sinistro provocou importantes retencións no tráfico, que aínda non está totalmente normalizado. As ringleiras de vehículos, que se foron acumulando durante o tempo que o tráfico permaneceu parado, foron de varios quilómetros.
O camioneiro que conducía o vehículo ardido relata que sentiu "como unha renxedura" do motor, que só lle deu tempo a abeirar o vehículo para fuxir do lume que xa subía para a cabina.
O camión sinistrado procedía de Murcia. Cargaba bobinas de film de plástico para o envase de peixe para industrias frigoríficas de Vigo. Trátase dun material moi combustible que acelerou o incendio e complicou o traballo dos bombeiros que tiveron que sufocar tamén o lume do combustible.
O incendio prendeu tamén nun lateral da estrada e foi necesaria a actuación de brigadas forestais.