O labor dos voluntarios para manter o patrimonio eclesiástico no rural
O labor dos voluntarios para manter o patrimonio eclesiástico no rural
Un emigrante retornado de Sande, en Cartelle, leva máis dun ano traballando para recuperar e poñer a punto a igrexa parroquial
O labor voluntario dos veciños é fundamental para manter o amplo patrimonio eclesiástico que existe no rural. Na parroquia de Sande, no concello ourensán de Cartelle, ese traballo altruísta lévao a cabo un emigrante retornado, Salvador Díaz. En pouco máis dun ano, coa colaboración doutros fregueses, conseguiu recuperar parte da igrexa.
Foi o sacerdote, Jorge Estévez, quen o animou, xunto a outros veciños, a colaborar na posta a punto do templo tras pórse á fronte da parroquia, hai máis dun ano, e ver o estado no que se atopaba a igrexa. Con coñecementos de carpintería, Salvador, arranxou a sacristía, acondicionou imaxes e estandartes e arranxou o chan, entre outros traballos. Todos realizados de xeito voluntario, pola devoción que sente por este templo dedicado a San Salvador. Tamén se renovou a instalación eléctrica e a megafonía con cartos do monte comunal.
Mentres limpa unha imaxe lembra que aínda queda moito traballo por facer para poder devolver a esta igrexa o esplendor que tiña cando el era un neno.