O lobo mata un cadelo ao carón das casas na Fonsagrada
O lobo mata un cadelo ao carón das casas na Fonsagrada
Fusco, un mastín de tres meses, apareceu devorado case por completo
Lusco quedou sen Fusco. O irmán deste mastín de tres meses de idade apareceu devorado case por completo nun prado nos Fornos da Cal, na Fonsagrada, a apenas cen metros das casas. Os cans estaban a gardar o gando dunha explotación de vacún cando foron atacados polos lobos.
Manuel Monjardín, dono do can: "Levanteime e xa vin este cadelo na casa, que nunca á casa viñera. Fun revisar o gado e faltábame o outro cadelo. Buscando nel, apareceu no medio do prado a cabeza e parte do esqueleto, nada máis. Xa se supón o que foi: os malditos lobos".
O dono dos cans mercara cada un deles por 300 euros. A estas perdas hai que engadir as que o ataque do lobo lle poida ocasionar no seu gando debido ao estrés.
Manuel Monjardín, dono do can: "Os xatos, todos alterados. As vacas, espalladas. E a ver se para aí, porque isto o que trae son abortos e estrés para os animais. Xa temos bastante co prezo que temos da carne, co penso insufrible, o gasóleo, a luz e agora, por riba, o lobo".
O ataque produciuse moi preto do núcleo urbano da Fonsagrada, por onde discorre o Camiño Primitivo. Trátase dunha zona onde o lobo adoita matar os animais domésticos.
Manuel Monjardín, dono do can: "É rara a semana que non haxa compañeiros aos que lles comeron xatos, poldros, ovellas ou o que pesquen".
Agora ao dono do animal morto só lle quedan catro cans para atender as súas 90 cabezas de gando.