O loteiro detido en Lugo era sospeitoso dende o principio, "pero non a principal liña de investigación"
O loteiro detido en Lugo era sospeitoso dende o principio, "pero non a principal liña de investigación"
O loteiro detido en Lugo era sospeitoso dende o principio, "pero non a principal liña de investigación"
Para chegar a el a policía identificou e detivo primeiro os supostos cómplices, que nas súas declaracións certificaron as sospeitas que permitiron o seu arresto
Guillermo Rodríguez pasou este xoves a disposición xudicial acusado do atraco ao seu propio negocio en xaneiro pasado
Guillermo Rodríguez, o loteiro detido por planificar xunto a dous supostos cómplices o atraco ao seu propio negocio, unha administración de lotaría en Lugo, non era inicialmente o principal camiño que seguiron os investigadores deste roubo para poder aclarar o suceso.
"Era unha das sospeitas que había, pero non era a liña principal da investigación", explicaba este xoves Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo, que explicaba nunha entrevista no informativo Bos días da Televisión de Galicia que os traballos se centraban en "localizar os dous autores materiais dos feitos".
O detido en Lugo pasou este xoves a disposición xudicial. As dilixencias estaban xa moi avanzadas para o sospeitoso puidera comparecer ante o xuíz para responder da súa suposta responsabilidade nese atraco ocorrido o 4 de xaneiro no que o botín alcanzou os 400.000 euros.
A policía sospeitaba do loteiro, polas débedas que acumulaba e porque xusto o día do roubo as cámaras de seguridade do despacho non estaban funcionando. Non obstante, non foi nel en quen centraban a investigación. De feito, a xuíza encargada do caso pechou en abril a investigación, ao non apreciar indicios de delito no seu comportamento.
Pero a Policía Nacional seguiu coas súas pescudas. "Foi un traballo que levou cinco meses", explica o voceiro policial. "Hai dúas ou tres semanas xa se localizara o vehículo que empregaran cun traballo moi específico, moi de laboratorio para poder centrar esas matrículas, e outros datos que agora mesmo non se poden desvelar", relata.
"Unha vez que se localiza esa matrícula e ese coche, hai que certificar que as persoas que o empregaron eran as que cometeron ese feito. E unha vez identificadas, sábese que unha delas está en prisión. Iso xa dá outro xiro, que son todos eses trámites administrativos para poder detela e tomarlle declaración estando en prisión, e iso quérese facer ao mesmo tempo que coa outra persoa que está en liberdade. Iso atrasa a operación uns días".
Esas dúas persoas son unha parella de orixe estranxeira, un home e unha muller. "Nun mesmo día fanse as detencións e a toma de declaracións". A do home no centro penitenciario e a da muller en Madrid. Ela quedou posteriormente en liberdade tras prestar testemuño.
Polas súas declaracións "e cos indicios que había anteriores e os que se foron conseguindo ao longo destes meses, procédese á detención do loteiro", di Manuel Arias.
Logo de máis de cinco meses de traballo, os investigadores cren que o caso está resolto.