Publicador de contidos
Publicador de contidos

O loteiro detido en Lugo queda en liberdade investigado por un delito de simulación de delito e tentativa de estafa

O loteiro detido en Lugo queda en liberdade investigado por un delito de simulación de delito e tentativa de estafa

O arrestado, a quen se lle atribúe tamén un delito de apropiación indebida, acolleuse ao dereito a non declarar

Era sospeitoso dende o principio, "pero non a principal liña de investigación"

(EFE/Eliseo Trigo) (EFE/Eliseo Trigo)
G24.gal 13/06/2024 14:52 Última actualización 13/06/2024 15:06

Guillermo Rodríguez, o loteiro detido por planificar xunto a dous supostos cómplices o atraco ao seu propio negocio, unha administración de lotaría en Lugo, quedou en liberdade este xoves logo de pasar a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo.

Ante a xuíza que instrúe o caso acolleuse ao dereito a non declarar e ningunha das partes solicitou para el o ingreso en prisión.

Por tanto, quedou en liberdade investigado por simulación de delito, tentativa de estafa e apropiación indebida, sen prexuízo de que segundo avance a instrución do caso poidan variar esas imputacións.

En canto aos dous outros dous detidos, unha parella de orixe estranxeira, un home e unha muller que supostamente actuaron como cómplices dese atraco, ela foi detida en Madrid, mentres que el xa estaba en prisión por outros delitos.

Ao home tomóuselle declaración en prisión en relación con este caso, mentres que a muller quedou en liberdade tras prestar testemuño.

Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron este martes pola tarde a Guillermo Rodríguez, o loteiro que denunciou o pasado 4 de xaneiro que fora atracado a punta de pistola na súa administración por dous encapuchados que se levaron un botín duns 400.000 euros.

Aínda que a xuíza encargada do caso pechou en abril a investigación, ao non apreciar indicios de delito no comportamento do loteiro, a Policía Nacional seguiu coas súas pescudas e, finalmente, detívoo por planear el mesmo o atraco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade