O lume alcanza novas aldeas en Valdeorras tras 6.500 hectáreas queimadas
O lume alcanza novas aldeas en Valdeorras tras 6.500 hectáreas queimadas
O lume xa afecta as aldeas de Éntoma, Raxoá e Millarouso, no concello do Barco
O incendio que se mantén activo na comarca de Valdeorras non só non se controla, senón que cada vez avanza máis.
Desde esta tarde ameaza novas parroquias do concello do Barco e parece que vén unha noite de enorme preocupación.
O lume que está a asolar Valdeorras xa empezou o xoves, e a pesar dos medios e dos esforzos non houbo xeito de controlalo ata agora. Leva queimadas sobre 6.500 hectáreas.
Esta tarde cruzou o río Galir e xa está nas aldeas de Éntoma, Raxoá e Millarouso, no concello do Barco. Podemos dicir que esa é a nova zona cero.
O vento, forte e cambiante, é o que fai que as lapas avancen a tanta velocidade e sexan tan difíciles de atallar.
Quince casas calcinadas en Alixo
A anterior foi a parroquia de Alixo, onde arderon 15 casas, unha primeira vivenda e outras rehabilitadas recentemente, pero todas habitadas.
Esta mañá os veciños aínda traballaban para que non se reavivase o lume. Pola noite houbo perigo en todas as parroquias.
Os de Alixo están convencidos de que a súa desgracia foi evitable.
Na loita contra este incendio levan participado, entre outros efectivos, 10 avións, sete helicópteros 32 axentes e 67 brigadas.
Esta tarde sumáronse aos labores de extinción bombeiros da Coruña.