Publicador de contidos
Publicador de contidos

O lume devora unha vivenda en Malpica de Bergantiños e deixa catro feridos

O lume devora unha vivenda en Malpica de Bergantiños e deixa catro feridos

Un dos afectados é unha muller de idade avanzada que tivo que ser evacuada por unha fiestra

O rescate tamén deixou dous axentes da Garda Civil e un voluntario de Protección Civil con feridas

Os danos materiais son cuantiosos

G24.gal 02/03/2024 14:49 Última actualización 02/03/2024 15:11

Foi a providencial intervención dun gato a que evitou que o incendio desta vivenda na parroquia de Buño, en Malpica de Bergantiños, rematara nunha traxedia maior. Pasaba media hora das seis desta madrugada cando a mascota espertaba a unha das residentes.

"Un dos gatos foi ao cuarto da filla da dona e rabuñoulle na roupa. Foi cando espertou e xa viu que había fume", relata Miguel Ángel Fernández, concelleiro de seguridade cidadá de Malpica.

A muller alertou os Servizos de Emerxencias, preocupada porque a súa nai, que estaba noutra estancia da vivenda, presentaba problemas de mobilidade. Ao lugar achegáronse rapidamente a Garda Civil, Protección Civil de Malpica, os Bombeiros de Carballo e o GES de Ponteceso.

"En canto ao rescate das dúas mulleres, a filla saíu polo seu propio pé e a nai, que estaba na habitación, pecháronlle a porta por mor do fume. Un voluntario de Protección Civil de Malpica e un veciño que tiña unha escada grande, subiu pola fiestra e rescatou a señora", comenta o concelleiro de Malpica de Bergantiños.

Na trasfega do rescate, dous axentes e un voluntario de Protección Civil resultaron con diversas feridas. A muller foi trasladada en ambulancia ao Complexo Hospitalario da Coruña con síntomas de intoxicación por fume, pero está fora de perigo.

"O caso é que non lle pasara nada a xente. Eu estou chamando -a súa tía ingresada no hospital- pero non me contestan, nin sei como están", conta Pepe Martínez, parente das dúas residentes da vivenda incendiada.

Os equipos de extinción conseguiron controlar o lume, aínda que un retén traballa no lugar para evitar que aparezan novos focos. O inmoble quedou moi afectado e estanse a investigar as causas do incendio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade