Publicador de contidos
Publicador de contidos

Avanza sen control o incendio forestal declarado en Portbou (Xirona)

Avanza sen control o incendio forestal declarado en Portbou (Xirona)

Obrigou a evacuar a zona de Garbet e a confinar varias poboacións

G24.gal 05/08/2023 08:37 Última actualización 05/08/2023 14:52

Nos montes de Xirona avanza o incendio que comezou este venres en Portbou e que xa arrasou máis de 450 hectáreas. O lume obrigou a evacuar 135 persoas da zona de Garbet, ameazada polas lapas e o forte vento.

A noite foi dura en tres dos concellos da costa de Xirona máis próximos á fronteira francesa: Portbou, Llançá e, sobre todo, Colera, onde as lapas ameazaron algunhas casas. 

Preto de trescentos bombeiros loitan nestes lugares do Alt Empordá catalán contra este incendio de grandes dimensións. 

Arredor das cinco da mañá, ordenaron a evacuación dun cámping na zona de Garbet e doutra localidade próxima. Poucas horas despois, confinaron a poboación da parte alta de Portbou, do concello de Colera e dunha urbanización de Llançá.

Sen control

Os equipos de extinción admiten que o incendio avanza sen control en moitas zonas grazas á difícil orografía e aos ventos superiores aos cen quilómetros por hora, que impiden ou dificultan o traballo dos avións. 

O lume obrigou a cortar boa parte da estrada principal da zona, a Nacional 260. Tamén está interrompido o tráfico ferroviario pola zona.

De momento, descoñécense as causas deste incendio, contra o que tamén loitan sete brigadas de bombeiros franceses, que tratan de evitar que as lapas crucen a fronteira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade