O magosto enche de castañas e música tradicional a contorna de Ourense
O magosto enche de castañas e música tradicional a contorna de Ourense
Familias e colectivos soben ao monte para celebrar a festa de outono máis popular
As celebracións do San Martiño continúan este sábado en Ourense onde o magosto, evento popular declarado de Interese Turístico de Galicia, se vive con especial intensidade.
No centro da cidade, nos barrios e nos montes da contorna, centos de persoas congréganse ao redor do lume para degustar castañas asadas, viño ou chourizos, mentres gozan da música tradicional.
Cómpre ir coa leña xa rachada para ter con que facer axiña unhas boas brasas. Os preparativos comezan moi cedo. Uns apañando pólas onde cadre. Outros carrexando as viandas. O primeiro é prender a fogueira onde asar as castañas.
O venres de San Martiño levou moita xente ao monte, pero este sábado a boa meteoroloxía fixo que a participación recobrara datos anteriores á pandemia. Moita xente de fóra sumouse á tradición desta festa de outono que cada ano rexurde con máis forza.