O mal tempo complica a busca de superviventes en Turquía e Siria
O mal tempo complica a busca de superviventes en Turquía e Siria
Ankara anunciou que xa levan rescatadas con vida 8.000 persoas
O frío reduce as posibilidades de supervivencia baixo os entullos
Día e noite, co tempo correndo en contra, a busca de superviventes baixo os restos dos edificios non cesa nas cidades turcas e sirias. Incansablemente, na busca de vida.
E de vez en cando, prodúcese o milagre. Coma o dun pequeno localizado vivo ao que lle dan de beber co tapón dunha botella. No medio de tanta traxedia, son os sons da esperanza. O rescate, sempre emocionante, de nenos de debaixo das pedras.
Ankara anunciou que xa levan rescatadas con vida 8.000 persoas.
Pero as continuas réplicas, que non pararon desde o domingo, e as condicións meteorolóxicas complican os labores de rescate. Un frío intenso, que ademais reduce as posibilidades de supervivencia.
Polo menos 380.000 cidadáns están acubillados en refuxios, hoteis, estadios ou centros comunitarios.
Nas imaxes de satélite vese o poder destrutivo do terremoto e das sucesivas réplicas, que só deixaron en pé os edificios máis resistentes, sobre todo aguantaron os construídos na última década.
O Goberno turco, que decretou tres meses de emerxencia en dez provincias, anunciou a despregadura duns 28.000 efectivos nas zonas máis afectadas polos sismos.
Pero todo é pouco cando a necesidade é moita. Se a cidadanía turca se queixa da falta de equipos de emerxencia, sobre todo nas rexións máis remotas, en Siria aínda máis, especialmente na zona controlada pola oposición ao réxime de Damasco.
Resposta internacional
A resposta da comunidade internacional non ten precedentes: un operativo de 50.000 persoas, entre eles 2.700 expertos rescatadores procedentes dun cento de países, está xa despregado nas zonas dos terremotos. Sobre todo en Turquía, porque Siria non pediu axuda. Só chegaron alí os equipos enviados por Rusia.
Xa están sobre o terreo os 91 bombeiros e militares enviados polo Goberno español, ademais de dúas oenegués. Tamén os buques Juan Carlos I e Galicia con 500 infantes de Mariña.
A ONU anunciaba nas últimas horas unha primeira axuda de 25 millóns de dólares para dar apoio humanitario aos afectados polos terremotos.