Suspendida ata o venres a busca da avioneta contraincendios desaparecida
Suspendida ata o venres a busca da avioneta contraincendios desaparecida
Os medios aéreos case non puideron actuar por mor da néboa e a intensa chuvia
A familia do piloto desaparecido, natural de Sevilla, desprazouse ata a Gudiña para seguir os labores de busca
Un amplo dispositivo despregouse entre as provincias de Ourense e Zamora para intentar localizar a avioneta contraincendios que desapareceu este mércores.
Engalara na base de Doade, en Sober, con destino a Córdoba, onde ten a sede a empresa para que traballa. Debido ao mal tempo, o piloto alertou de que non podía continuar a ruta. Nada máis se soubo del.
A localización do seu teléfono móbil fai que a busca se concentre nos límites entre Ourense e a comarca de Seabra. Tamén se estendeu á zona fronteiriza de Portugal. A intensa chuvia e a néboa impediu a participación dos medios aéreos durante a maior parte da xornada. Medios fundamentais neste rastrexo, xa que se está a buscar nunha zona moi ampla e de moi difícil acceso.
Si se despregou un gran dispositivo por terra, no que ademais da Garda Civil e outros efectivos de emerxencias tamén colaboraron numerosos axentes medioambientais e membros das brigadas contra incendios.
O piloto, orixinario de Sevilla, participara na última campaña contra os lumes en Galicia e regresaba a Andalucía, onde ten a base a empresa de avionetas de carga en terra contratada. Polo momento, descoñécese que lle puido pasar. O operativo de busca retomarase ás oito da mañá.