O mellor tomate 'cherry' de España sae dunha horta de Oleiros
O mellor tomate 'cherry' de España sae dunha horta de Oleiros
Lúa de Dexo gaña o primeiro premio desta categoría no Festival do Tomate de Cantabria
O cherry gañador ten un sabor moi doce, parecido ao dunha froita tropical
Esta horta xa recibiu outro galardón na edición anterior do mesmo festival
Con moita alegría, Sonia e Fran recollían o primeiro premio ao mellor tomate cereixa no Festival do Tomate de Cantabria.
"Hai un vídeo circulando por aí en que non paro de pegar botes. Estabamos alí á expectativa. Temos amigos que levaron premios tamén e o último que pensei é que nos ían dar o primeiro ao cherry, unha categoría que se estreaba este ano. E, nada, súper felices!", di Sonia Rodríguez, da horta Lúa de Dexo.
"Nós sabiamos que o noso tomate era moi bo, que a marola destacaba, pero alí había preto de 100 de toda España, de Italia, de Portugal, de Bélxica... E que o noso sexa o mellor, un subidón absoluto, claro!", engade Fran Gil.
O xurado elixiu como gañadora a variedade a marola por unanimidade. Valorou as súas características singulares.
"O máis característico é que é un tomate que non sabe a tomate. Se o probas cos ollos pechados, vaiche recordar máis un pexego, a mango, a piña. É moi, moi doce. Para os amantes do tomate puro, igual ata non lles gusta, porque é moi doce. Moito máis do que estamos habituados. E cun sabor tropical, podiamos dicir", explica Fran.
Para conseguir un produto de tanta calidade, nesta horta dedican moito tempo ao coidado dos seus cultivos.
"A clave está en facer a sementeira nós, non adquirir a planta. É o traballo de todo o ano... E tratalos con moito cariño", segundo Sonia.
E esa combinación parece que funciona porque o ano pasado xa tiveron outro premio no mesmo festival. Agora o reto é manter o nivel nesta horta de Oleiros, onde cultivan máis de 200 variedades de tomate e outros vexetais que venden directamente a particulares e alta hostalería.