O mildio vai pola segunda atacada nesta campaña en viñedos do Barbanza
O mildio vai pola segunda atacada nesta campaña en viñedos do Barbanza
A lecitina de soia é a alternativa ao cobre para combater o fungo que xorde ao xuntárense calor e humidade
"Está todo queimado, medianamente parado, agora xa lle hai que dar outra man... algún acio; este xa non vale, porque vai secar todo e virar ao chan. Pero vaia... é o que hai", explica David Rial, de Adegas Cazapitas, mentres nos amosa o estado do seu viñedo da variedade raposo situado en Rial, Rianxo, dentro da Indicación Xeográfica Protexida Barbanza e Iria.
Menos intenso que o ano pasado, pero o mildio xa vai pola segunda atacada nesta campaña:
"O que nos amolou foron as chuvias de finais de maio, cando choveu continuamente. Esta é unha infección vella aínda que xa está volvendo a arrincar, esta de segunda, volve o mildio", engade David.
Fronte ao uso de tratamentos baseados no cobre, este viticultor ten a súa aliada contra o fungo que xorde ao xuntarse calor e humidade:
"A lecitina de soia. Un produto natural que nos vai moi ben. É un secante.
Ademais estamos nun momento clave; a floración. Momento duro para a praga e para nós, porque de aquí sairá todo", explica David Rial.
E aínda falta o peor para saber como afectará o fungo nesta campaña:
"A última semana deste mes, os últimos dez días para min é a peor época, onde realmente adoitas perder colleita se tes un ataque duro, ímolo ter aí. E neste caso, que xa temos ataque de segunda volta, virá unha terceira", conclúe Rial.