Publicador de contidos
Publicador de contidos

O naufraxio do Villa de Pitanxo, a peor traxedia no mar das últimas catro décadas

O naufraxio do Villa de Pitanxo, a peor traxedia no mar das últimas catro décadas

Dos 24 homes da tripulación só sobreviviron tres

Nove faleceron e doce están aínda desaparecidos

G24.gal 23/02/2022 20:56

Galicia vestiuse de loito co naufraxio do Villa de Pitanxo, un arrastreiro de Marín que andaba ao fletán en augas de Terra Nova. Dos 24 homes da tripulación só sobreviviron 3. Recuperaron 9 cadáveres, e quedan aínda 12 sen aparecer. É a peor traxedia dun barco galego en catro décadas.

O Villa de Pitanxo traballaba en mar aberto, a 250 millas da illa de Terra Nova. Desafiaba ondas de máis de dez metros de altura. Unha borrasca brava, coma as que están acostumados os mariñeiros que traballan naquelas augas.

Non se sabe aínda que foi o que pasou. O barco lanzou un primeiro sinal de alerta a través da radio. Xa non contestaron a chamada de Salvamento Marítimo e aos trece minutos exactos saltou a rabiobaliza, alertando do afundimento.

A noticia chegaba a terra ás poucas horas, sumindo na dor a comarca do Morrazo. Alí residían a maioría dos tripulantes, entre os que había 16 españois, 5 peruanos e 3 de Ghana. Dos 24, só sobreviviron o patrón e dous mariñeiros.

O Villa de Pitanxo andaba ao fletán negro. Saíra de Marín a finais de xaneiro e tiña previsto volver a primeiros de marzo. Coma todos os que traballan en Terra Nova era un arrastreiro moderno, seguro, e tecnoloxicamente avanzado.

A actividade pesqueira nunca dá garantías e periodicamente o mar trae traxedias a terra. A declaración dos tres sobreviventes seá fundamental para determinar as causas do sinistro.

O naufraxio do Villa de Pitanxo é peor dos últimos 40 anos polo número de vítimas. O Goberno galego decretou tres días de loito oficial en Galicia.

A traxedia do barco de Marín pon sobre a mesa as condicións da pesca en Terra Nova. Das máis difíciles do mundo. Os mariñeiros galegos comezaron a traballar alí hai cen anos e desde 1950 viviuse a época dourada, na pesca do fletán. De alí levan décadas chegándonos imaxes coma estas. 
Na actualidade traballan en Terra Nova nove buques galegos. Desde esta semana hai que contar un menos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade