O Nobel de Medicina premia a Karikó e Weisman, pais das primeiras vacinas da covid
O Nobel de Medicina premia a Karikó e Weisman, pais das primeiras vacinas da covid
O traballo conxunto realizado polos dous investigadores permitiu coñecer os mecanismos do ARN mensaxeiro e desenvolver vacinas con esa tecnoloxía
O Premio Nobel de Medicina ou Fisioloxía 2023 é para Katalin Karikó e Drew Weismann polas súas investigacións relacionadas coas vacinas ARN mensaxeiro contra a covid-19, segundo informou a Asemblea Nobel do Instituto Karolinska de Estocolmo.
Katalin Karikó, nada en 1955, en Hungría, é bioquímica especializada en mecanismos mediadores do ARN. Mentres que Drew Weisman, estadounidense, nacido en 1959, está especializado en inmunoloxía. O traballo conxunto dos dous investigadores levou ao descubrimento das modificacións dos nucleósidos, o que permite o uso terapéutico do ARN mensaxeiro.
Os seus descubrimentos abriron a vía a esas vacinas, que "salvaron millóns de vidas e previñeron enfermidades graves en moitas máis", sinala o Comité do Nobel.
"A través dos seus innovadores achados, os galardoados deste ano cambiaron fundamentalmente a nosa comprensión de como o ARNm interactúa co noso sistema inmunolóxico. Contribuíron, a un ritmo sen precedentes, no desenvolvemento de vacinas durante unha das maiores ameazas á saúde humana nos tempos modernos", explican no fallo.
Os galardoados descubriron que o ARNm con base modificada pódese utilizar para bloquear a activación de reaccións inflamatorias e aumentar a produción de proteínas cando o ARNm se administra ás células.
Ambos publicaron os seus resultados "nun artigo fundamental de 2005 que recibiu pouca atención nese momento, pero sentou as bases para desenvolvementos de importancia crítica que serviron á humanidade durante a pandemia de covid-19".
Os dous están vinculados nas súas investigacións á Universidade de Pensilvania. No ano 2021 gañaron conxuntamente o Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica.
O Nobel de Medicina é o primeiro da rolda destes prestixiosos premios, aos que seguirán os anuncios en días sucesivos dos de Física, Química, Literatura, da Paz e finalmente o de Economía, o vindeiro luns.