O novo decreto para unificar os horarios de farmacia causa controversia
O novo decreto para unificar os horarios de farmacia causa controversia
Establece a posibilidade de abrir 24 horas ou acollerse ao horario ampliado, de 8:30 a 22:30 horas
A pretensión do borrador sobre os horarios das farmacias é unificalo para que a clientela non teña dúbidas de se o establecemento estará aberto. Ata agora eran as propias boticas as que decidían o horario, sempre que alcanzasen as 38 horas semanais.
Co novo decreto, as farmacias poderán abrir as 24 horas do día, ou ben acollerse ao horario ampliado, que a Xunta marca entre as 8:30 e as 22:30. Unha decisión que algúns profesionais critican.
Entenden que a partir das 22:30 hai bastante demanda de produto farmacéutico. Co novo decreto, os usuarios só poderán recorrer ás boticas que abren 24 horas.
Outra opción é manterse nas 38 horas semanais, pero de acordo co novo decreto, todas as boticas terán que ter o mesmo horario de apertura e peche.
O novo proxecto tamén contempla que debe haber unha farmacia de garda a menos de 15 quilómetros ou 15 minutos dun punto de atención continuada, para que a cidadanía poida acceder aos medicamentos con rapidez e facilidade.