Publicador de contidos
Publicador de contidos

O novo operativo para extraerlle o arpón ao golfiño Manoliño remata sen éxito

O novo operativo para extraerlle o arpón ao golfiño Manoliño remata sen éxito

O aumento da desconfianza do cetáceo e o propio medio dificultaron a operación

Desde o Cemma seguirán a evolución do golfiño e do seu estado de saúde 

G24.gal 05/11/2022 21:24 Última actualización 05/11/2022 21:34

A pesar dos esforzos dun amplo operativo de máis de 30 persoas, o golfiño Manoliño non entraba no dispositivo habilitado polo Cemma, no peirao do Freixo, para intentar extraerlle o arpón que ten cravado no costado. 

"Imos ver se descansa e repoñemos todos forzas e a ver se intenta calmarse para que se volva achegar á xente o suficiente como para volver intentar facer isto", di  Uxía Vázquez, oceanógrafa do Cemma.

Desde a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños realizaron varios ensaios de como trasladarían o golfiño a terra. Mergulladores e piragüistas intentaran aproximar o cetáceo o máis posible á costa e despregaron unha rede de grandes dimensións para que non escapara... pero finalmente non houbo éxito.

"Na entrada da enseada chegou a entrar unha soa vez pero chegaba a un punto que posiblemente estivera relacionado coa profundidade e daba a volta. Está moi desconfiado", engade Alfredo López, biólogo do Cemma.

A ferida que ten o golfiño aínda que non lle impide seguir movéndose, si supón un risco elevado para a súa vida.

"Está intentando sacala fregándose contra moitas superficies, iso pode supoñer un desprazamento do propio arpón, máis lesións nos tecidos e infección a medio prazo", di Xavier Pin, veterinario.

Desde o Cemma seguirán a evolución do golfiño e estarán pendentes do seu estado de saúde antes de volver intentar un novo operativo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar