Publicador de contidos
Publicador de contidos

O número de peregrinos medra no Camiño Inglés máis do 30 % entre xaneiro e abril

O número de peregrinos medra no Camiño Inglés máis do 30 % entre xaneiro e abril

Consolídase como o cuarto camiño a Compostela por número de peregrinos

G24.gal 17/05/2023 21:42 Última actualización 17/05/2023 22:30

Peregrinos acoden á Oficina de Atención ao Peregrino de Ferrol desde Pontevedra coa intención de iniciar o Camiño Inglés logo de facer outras rutas xacobeas en bicicleta. Un deles, Marcos Gómez, comenta que "optamos por facer o Camiño Inglés porque é a primeira vez que o facemos andando e a ver como é. Amais, polo que teño visto é bastante bonito na zona de Pontedeume, en Betanzos e tamén aquí na ría [de Ferrol]".

O número de peregrinos non deixa de medrar. Nos primeiros catro meses do ano rexistráronse máis de 2.600 persoas, o que supón un 31% máis que en 2022. A preferencia por esta ruta débese, tal e como explica a informadora da Oficina de Atención ao Peregrino de Ferrol Nana Nieto, "a que este é un camiño curto que en cinco días se pode rematar. Tamén é un camiño que non está tan cheo como pode ser o Francés ou o Portugués, que comeza a ter moitísima xente. O Inglés é máis tranquilo e a xente prefire facer o camiño con calma, sen tanta xente".

A constante chegada de peregrinos déixase notar en bares, restaurantes, establecementos turísticos ou hostais da cidade, tal e como asegura Brais Carballo, camareiro, "con isto de que agora se está a poñer de moda o Camiño Inglés a verdade é que hai bastante afluencia".

A metade son estranxeiros; boa parte deles italianos. Aínda que a sona do Camiño Inglés estase a espallar cada vez máis lonxe. "Os primeiros son, sen dúbida, os italinos e logo os alemáns. A maiores hai moito estadounidense e incluso australianos.  Onte até chegou un coreano", debulla Nana Nieto.

O Inglés consolídase así como o cuarto camiño a Compostela por número de peregrinos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade