O papa deixa Lisboa cunha mobilización histórica da mocidade católica
O papa deixa Lisboa cunha mobilización histórica da mocidade católica
Máis dun millón e medio de persoas participaron na misa de despedida na capital lusa
Anunciou que a vindeira Xornada Mundial da Xuventude se celebrará en Seúl no 2027
O papa Francisco abandonou Lisboa tras pechar a primeira Xornada Mundial da Xuventude celebrada tras a pandemia. O encontro superou as previsións e contou coa asistencia de máis dun millón e medio de persoas.
O seu avión de regreso a Roma, un A321 da aeroliña lusa TAP, engalou da base militar de Figo Maduro, pasadas as seis da tarde.
Avanzou pola alfombra vermella colocada ao pé do avión en cadeira de rodas e foi despedido no aeroporto polo presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa, e o primeiro ministro, António Costa.
Para o traxecto, o chef portugués Vitor Sobral preparoulle un menú elaborado integramente con produtos locais, regado con viños do país e co tradicional porto.
Milleiros de persoas saudaron o paso da comitiva durante os 20 quilómetros que separan Algés, onde mantivo un encontro con 25.000 persoas que participaron como voluntarias estes días, ata a base militar.
Vindeira cita en Seúl
Hora antes, oficiou a misa de despedida ás beiras do Teixo, nunha chaira equivalente a un cento de campos de fútbol que estaba chea. Alí anunciou que Seúl, a capital de Corea do Sur, será a sede da vindeira Xornada Mundial da Xuventude no 2027.
"Desde a fronteira occidental de Europa trasladarase ao afastado oriente e este un fermoso signo da universalidade da Igrexa", asegurou ante o aplauso dunha multitude fervorosa.
Ademais, o pontífice convidou as persoas presentes, preto dun millón, a visitar Roma no 2025, "para celebrar xuntos o xubileu dos mozos".
Segunda visita a Portugal
O papa Francisco chegou a Lisboa o pasado día 2 cunha apertada axenda na que puido reunirse con vítimas de abusos, peregrinos, voluntariado e visitar o santuario de Fátima.
Foi a segunda visita a Portugal do pontífice arxentino, de 86 anos, que no 2017 estivo no santuario de Fátima.