Publicador de contidos
Publicador de contidos

Santalices apela á "vía galega" fronte á "convulsión" que se rexistra en "institucións homólogas"

Santalices apela á "vía galega" fronte á "convulsión" que se rexistra en "institucións homólogas"

O Parlamento de Galicia celebra o pleno de apertura da lexislatura

O acto solemne supón o arranque formal do traballo ordinario da cámara galega

G24.gal 16/04/2024 10:53 Última actualización 16/04/2024 13:11

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, reivindicou a "vía galega" do "sentidiño, a cordura, e a política útil que a xente reclama un día tras outro" fronte aos "populismos extremistas" e apelou a "blindar a traxectoria desta cámara, allea desde hai tempo á convulsión que se rexistra en institucións homólogas".

Proclamouno na apertura solemne da XII lexislatura, unha sesión que dá por comezado oficialmente este novo período cunha nova maioría absoluta do PPdeG, que con 40 deputados situou a Alfonso Rueda como sexto presidente de Galicia.

No seu discurso, tamén reivindicou a lingua galega, convertida no idioma "habitual" da cámara autonómica, e tivo mención, neste sentido, para a homenaxeada das Letras Galegas deste 2024, a escritora e música Luísa Villalta.

Esta sesión serviu tamén para que os parlamentarios de todos os grupos felicitasen os integrantes do novo Goberno da Xunta e desen a benvida ás novas caras que configuran o Executivo, que este luns tomou posesión e celebrou a súa primeira reunión ordinaria.

Nunha sesión marcada pola renuncia previa da exconselleira de Promoción do Emprego, Elena Rivo, ao seu escano, tamén se puido ver a quen era titular de Sanidade situado no escano situado á beira da viceportavoz parlamentaria, Paula Prado.

Mentres, na tribuna de invitados seguiron a sesión autoridades como a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o rexedor de Lalín, José Crespo; o presidente da deputación de Pontevedra, Luis López; e a expresidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, entre outros. A sesión culminou coa interpretación do Himno de Galicia.

A lectura da declaración institucional do presidente da cámara galega, Miguel Santalices, supón o inicio formal do período ordinario do hemiciclo do Pazo do Hórreo, en Santiago de Compostela. Segundo as normas parlamentarias, este acto solemne debe celebrarse nos quince días seguintes á constitución do pleno. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade