O paso da DINA deixa tras de si tres mortos e tres desaparecidos
O paso da DINA deixa tras de si tres mortos e tres desaparecidos
Madrid e Castela-A Mancha pedirán a declaración de zona catastrófica
Danos en infraestruturas e vivendas desde Tarragona ata Cádiz
As enchentes arrasaron tres pontes na localidade madrileña de Aldea del Fresno. Moi preto de alí, os bombeiros tentaban desenterrar un vehículo en que viaxaba unha familia. Un dos seus ocupantes, un neno de 10 anos, sobreviviu toda a noite subido a unha árbore. O seu pai está desaparecido.
"Eu xa pasei dúas riadas máis; pero coma esta, ningunha", relata unha veciña da vila.
Tampouco se sabe nada dunha muller que circulaba a pasada noite pola localidade toledana de Valmojado nin dun home de 83 anos arrastrado polas augas en Villamanta, Madrid. "Isto era o mar, coches flotando, horroroso", conta un veciño.
Os servizos de emerxencias da comunidade autónoma atenderon máis de 1.800 incidencias. Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, anunciou: "Imos pedir a declaración de zona gravemente afectada por emerxencias de Protección Civil, o que se coñece como zona catastrófica".
O mesmo vai facer o presidente de Castela-A Mancha. Toledo levou a peor parte da DINA, sobre todo vilas como Escalona, onde o desbordamento do Alberche obrigou a rescatar veciños en barca e helicóptero.
"Hoxe tivemos que rescatar das súas vivendas aquí en Escalona 15 persoas, algunhas nos tellados", relataba un bombeiro.
"Isto era o diluvio, a auga dobrounos a porta. Chegábanos a auga por aquí, tivemos que subir arriba", explica un veciño. Outra laiase: "Non puidemos facer nada máis que chorar e dicir que deixe de chover dunha vez".
A DINA deixa polo momento tres mortos: un home de 50 anos atopado no seu coche asolagado preto de Camarena, outro na próxima localidade de Bargas e un mozo de 20 anos en Casarrubios. "Quedou pechado nun ascensor cando quería acceder ao garaxe e debeu paralizarse o ascensor", explicaba o conselleiro de Facenda manchego.
A DINA obrigou ademais a interromper ducias de conexións ferroviarias na capital española e deixou en terra milleiros de viaxeiros, moitos deles en pleno retorno das vacacións.
A gota fría tamén deixou estragos noutros puntos do país, como nun cámping de Alcanar, en Tarragona. Unha das usuarias relataba os seus esforzos durante a noite: "Coas mans tirando area para que non entrara na caravana, no frigorífico, cos cables todos colgando. Pasamos medo".
Nalgúns puntos do Delta do Ebro, a DINA deixou 243 litros por metro cadrado, o maior diluvio da zona nos últimos 25 anos. Ducias de localidades sufriron asolagamentos, houbo cortes de estradas e vías do tren e os bombeiros rescataron 12 persoas, dez delas atrapadas nos seus vehículos.
A pegada das chuvias tamén se deixou sentir na outra punta do país: na localidade gaditana de San José del Valle caeron máis de 170 litros por metro cadrado e deixaron impracticables estradas e os pisos baixos dalgunhas vivendas.
Por unhas horas, a conexión ferroviaria entre Sevilla e Madrid estivo interrompida.
"Cheguei e atopeime con que me cancelaron o tren de volta para Madrid e non teño outro xeito de volver", conta un viaxeiro na estación de Santa Justa. A outra usuaria pedíronlle esperar "un tempo prudencial, que de momento non están funcionando como deberan".
No seu desprazamento cara ao leste, a DINA deixouse sentir nas Baleares, sobre todo en Eivisa e Formentera. Houbo que atender medio cento de incidencias, produto sobre todo dos fortes ventos.
Ademais de en Madrid e nas dúas Castelas, a Axencia Española de Meteoroloxía mantén activada a alerta amarela no País Vasco e na Rioxa.