Publicador de contidos

Publicador de contidos

O patrón do Villa de Pitanxo acusa o mariñeiro supervivente de mentir

O patrón do Villa de Pitanxo acusa o mariñeiro supervivente de mentir

As familias dos mortos e desaparecidos non cren a versión do patrón

Aféanlle que fale coa prensa e non cos achegados das vítimas

Destacado da entrevista na que Juan Padín acusa a Samuel Kwesi de mentir
G24.gal 15/03/2022 21:34

Por primeira vez fala o patrón do Villa de Pitanxo, e faino nunha entrevista nun xornal. Unha exclusiva que sentou moi mal entre as familias dos 21 falecidos e desaparecidos no afundimento. Porque o patrón aínda non falou con ningún deles para contarlles que foi o que pasou.

"A nós, nin unha chamada. E esperou un mes para dicir isto?". "Agora está falando por un guión. Tivo un mes para preparar a versión", din varios familiares de desaparecidos.

Juan Padín di que fixo todo o que puido para poñer a tripulación a salvo, que deu a alerta para que todos subiran a cuberta cos traxes de supervivencia. Está convencido de que non quedou ninguén no interior do buque e non sabe que puido pasar na segunda balsa, que apareceu intacta e sen ninguén dentro.

"Se se fixese todo o posible, non habería 21 persoas mortas. Di que avisou a todo o mundo, pero unha balsa estaba baleira", responde Cristofer González, fillo dun dos desaparecidos.

Padín di que o día do naufraxio non estaba tan mal tempo. Que a máquina parou antes que o barco escorase e que non entrou o motor auxiliar. A súa versión é distinta á do mariñeiro Samuel ao que acusa de mentir. As familias insisten en que se baixe buscar os corpos e se investigue que pasou realmente. 

"Que se vaia alí ao barco afundido e que se vexa que hai, primeiro polos 12 que faltan, porque ninguén os volveu buscar e tamén é importante para esclarecer a verdade", pide María José de Pazo, filla dun dos desaparecidos.

Os familiares agardan que a investigación xudicial descubra o que realmente ocorreu para que non volva repetirse.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade