Desvían parte do tráfico pola antiga ponte medieval en Ponte Arnelas
Desvían parte do tráfico pola antiga ponte medieval en Ponte Arnelas
A solución non convence os veciños pola escasa anchura da ponte vella e temen tamén que o incremento do tráfico acabe por deteriorala
O peche da ponte de Santa Marta, en Ponte Arnelas, por defectos estruturais obriga agora a desviarse pola ponte medieval para cruzar o Umia. A solución non convence os veciños pola escasa anchura da ponte vella e temen tamén que o incremento do tráfico acabe por deteriorala.
A ponte medieval de Ponte Arnelas, en Vilanova de Arousa, volve converterse en paso prioritario para cruzar o río Umia.
E todo despois de que a veciña ponte de Santa Marta, inaugurada en 2007, tivera que ser pechada ao detectarse graves problemas estruturais.
Convertida en semipeonil e remozada non hai moito tempo, o viaduto medieval é estreito e os veciños temen que o incremento do tráfico acabe por pasarlle factura.
"Caer non vai caer porque leva aí toda a vida. Deteriórase claro porque a puxeron semipeonil, e agora, as lastras e todo iso bonito que puxeran, como as beirarrúas que, se vos fixades alí, unha xa está deteriorada polo paso dos camións".
"O problema que ten é ese, que é estreita. Poñían aquí moito o grito no ceo por pasar por aí cun camión, e agora xa non queda outra".
"Agora ao meter o tránsito nesta estrada vai ser un desastre total, porque aí nesa ponte hai un só carril e como se metan dous coches ou un camión cun (coche), xa non pasa ninguén".
Para facilitar o paso dos vehículos, retiráronse algúns elementos ornamentais. O peche da ponte de Santa Marta tamén obrigou a modificar temporalmente o trazado do Camiño Portugués, que pasa por debaixo do viaduto danado.