O pequeno comercio saca músculo e mellora os datos de vendas
O pequeno comercio saca músculo e mellora os datos de vendas
As gasolineiras son as únicas que venderon menos que hai un ano
O pequeno comercio aumenta as vendas en xullo un 7,7 % grazas ao pulo das rebaixas
Despois de anos de sufrimento, agora parece que o pequeno comercio volve sacar peito. Así se reflicte no último informe publicado hoxe polo INE que demostra que as vendas neste tipo de establecementos medraron en xullo un 7,7 por cento. Encadean xa oito meses consecutivos de subas.
"Si que subiron, si. Estamos moi contentos este ano, o certo é que o notamos moitísimo", conta Lesli González, que rexenta un pequeno comercio.
"Si, parece que nos van dando un pouquiño de marxe que xa facía falta a verdade", explica David Pájaro, comerciante.
As rebaixas propiciaron un aumento do 16 % das vendas en tendas de roupa, calzados, complementos e un 15 % equipamento do fogar. A xente volve confiar no comercio local.
As tendas de alimentación tamén aumentaron as vendas durante xullo, segundo o INE un 1,8 por cento. Notouse nos supermercados, pero tamén na tenda pequena, que vai gañando terreo.
"A xente cada vez se preocupa un pouco máis da orixe das cousas, do que come, preocúpase de que sexa un pouco máis de temporalidade, e localidade", explica Lucas Piñeiro, copropietario dunha tenda de alimentación.
Negativos son os resultados de vendas nas gasolineiras, a venda de combustible caeu un 1,5 por cento.
"Nós comprámolo moitísimo máis caro e retrae moito o consumo, iso está facendo que se venda moito menos. Este ano realmente os números que estamos pechando non son moi bos. Nas gasolineiras de Galicia non son dos mellores", relata Julio César López, presidente da Federación Galega de Estacións de Servizo.