Atraca no peirao de Vigo o petroleiro avariado a 28 millas da costa galega
Atraca no peirao de Vigo o petroleiro avariado a 28 millas da costa galega
Levaba deambulando tres días polo litoral tras partir o martes de Xibraltar
O Minerva Nounou, de dobre casco e sen carga, ten un problema na hélice
O Minerva Nounou entrou pola bocana sur da ría de Vigo pasada a unha e media da tarde. O petroleiro, de 254 metros de eslora e 44 de manga, chegaba acompañado de varios remolcadores que foron os encargados de dirixilo cara ao peirao de transatlánticos.
O buque, de dobre casco e sen carga, levaba tres días deambulando a unhas 30 millas da costa galega por mor dunha avaría na hélice. A bordo viaxan 26 tripulantes. Partiran o martes de Xibraltar con destino aos Países Baixos.
Segundo a directora da Autoridade Portuaria de Vigo, Beatriz Colunga, considerouse a posibilidade de trasladar un helicóptero ao petroleiro para arranxar o problema. Porén, as malas previsións meteorolóxicas levaron o capitán a decidir traelo ata o porto máis próximo.
O máis complicado foi o seu atraque. Os prácticos de Vigo, durante varias horas e coa axuda de tres remolcadores, conseguiron amarralo pasadas as catro da tarde.
"En principio, o capitán do barco estimou que cunha reparación a flote sería suficiente. Virán todos os medios, pero aínda non sabemos cantos días serán necesarios", asegura Colunga.
A súa presenza no porto non pasa desapercibida. De feito, estase a converter nun novo atractivo para visitantes e residentes.