Unha avaría deixa oito horas sen auga o barrio ourensán da Ponte
Unha avaría deixa oito horas sen auga o barrio ourensán da Ponte
Dende as sete da mañá ata as tres da tarde do domingo, vivendas e negocios quedaron sen subministración
Os veciños quéixanse de que os cortes son constantes e de que tampouco se avisa con tempo das reparacións programadas
Unha avaría na rede de abastecemento de auga potable da cidade de Outrnse deixou sen subministración durante oito horas practicamente todo o barrio da ponte. O corte afectou numerosas rúas, dende a ponte romana ata a estación intermodal. Unha ausencia de auga que afectou especialmente aos negocios de hostalería.
"Perdemos de vender moitos cafés e almorzos por falta de auga, e os hóspedes tampouco puideron ducharse", sinala a empregada dun hostal e cafetería, situado entre a avenida das Caldas e a Avenida de Marín.
A falta de auga produciuse dende as sete da mañá ata as tres da tarde, hora en que se restableceu a subministración nas zonas afectadas. Onde o corte non foi total si que a auga saía con moi pouca presión da billa.
Así sucedeu no barrio de Oira, segundo comentaba o presidente da Asociación de Veciños. "Raro é o día en que non teñamos una avaría ou unha incidencia. E se non é corte total, a auga vén con pouca presión", comenta Urbano García, presidente do colectivo veciñal.
Os usuarios afectados quéixanse tamén de que os cortes son constantes na zona e de que non se avisa coa antelación acaida as incidencias programadas por reparacións da rede de tubaxes.