O PP solicita unha comisión de investigación sobre o caso Mediador no Congreso
O PP solicita unha comisión de investigación sobre o caso Mediador no Congreso
O PSOE di que non lle consta que haxa máis deputados socialistas implicados
Coa expulsión en menos de dez horas do deputado Bernardo Fuentes Cubero, o presunto líder da trama corrupta, en Ferraz liquidan o asunto.
A dirección do PSOE di que abriu unha investigación interna e que non consta que haxa máis deputados socialistas implicados na rede delituosa.
Aínda que non descartan que algúns asistisen a ceas e comidas co principal investigado no caso, tal e como el mesmo recoñece: "Eramos quince deputados e deputadas e tiñamos unha reserva no Ramsen. Fomos, comenos e marchamos", di o exdeputado do PSOE.
O PP pide unha comisión de investigación na Cámara Baixa
O Partido Popular estende a responsabilidade a todo o Partido Socialista e pide unha comisión de investigación no Congreso.
Cuca Gamarra, voceira do PP no Congreso, di: "Isto non se pode tapar, isto tense que investigar. E quen ten que investigalo principalmente é o Congreso dos Deputados".
PSOE e Podemos rexéitana
Nin o PSOE nin Podemos apoiarán a comisión de investigación, que consideran unha manobra do PP para ocultar os seus casos abertos de corrupción.
"Non admitimos leccións do PP. O Partido Socialista en horas botou o deputado corrupto á rúa", di Félix Bolaños. "Se o fai o PP, nós non imos facerlle o xogo ao PP", di Jaume Asens, presidente do Grupo Confederal de Unidas Podemos.
Outros partidos como Esquerra Republicana, Compromís ou a CUP xa anunciaron que apoiarán a comisión de investigación do caso Mediador no Congreso. O PP pediu tamén a comparecencia de catro ministros, e non descarta reclamar explicacións do presidente Pedro Sánchez.