Publicador de contidos
Publicador de contidos

O presidente do Parlamento sitúa o debate de investidura na primeira quincena de abril

O presidente do Parlamento sitúa o debate de investidura na primeira quincena de abril

Miguel Santalices avanza que o calendario se concretará o luns 25 de marzo, cando se celebre a primeira reunión da Mesa 

Pide ás parlamentarias e parlamentarios que debatan sen se desprestixiar e sen estridencias

G24.gal 19/03/2024 10:32

O recentemente elixido presidente do Parlamento de Galicia, o popular Miguel Santalices, cre que o debate de investidura podería celebrarse na primeira quincena de abril e apunta que "desde o punto de vista dos tempos legais encaixaría nesas datas". Con todo, Santalices evitaba dar un día e empraza á primeira reunión da Mesa do Parlamento de Galicia que se celebrará o luns da semana que vén, o día 25 de marzo. 

Explica que ese día xa estarán conformados os grupos e que iso permitirá ir perfilando un calendario que estará condicionado polas festividades de Semana Santa. Santalices apunta que a primeiros de abril fixarase o día para constituír as comisións e logo marcarase a data para a rolda de contactos previa ao debate de investidura. 

Apuntaba o presidente do Parlamento de Galicia que a mesa deberá tamén fixar outras cuestións como o funcionamento do grupo parlamentario mixto cun único integrante; o deputado de Democracia Ourenseana, Armando Ojea. Santalices sinalou que xa hai experiencia con casos similares e lembrou cando unha das deputadas de AGE pasou ao grupo mixto. Explicou que para que haxa grupo parlamentario son necesarios cinco deputados e que agora "haberá que se adaptarse á situación dunha persoa dentro do grupo parlamentario e establecer tempos, iniciativas que pode presentar e fixar a subvención a percibir". 

Santalices pide ás parlamentarias e parlamentarios que responsabilidade porque "xa está isto bastante complicado como para que entre nós mesmos enlamemos o debate"

Defende a busca de acordos e di que "o que debemos facer é conseguir propostas que melloren a calidade de vida dos nosos cidadáns. Discutir si, debater é un acto democrático pero sen tratar de desprestixiar a dignidade dun grupo, dos deputados que debaten con nós. Á xente non lle gustan as estridencias. Somos un parlamento que está dentro do marco de debate parlamentario e o que me gustaría é que se seguise por ese camiño". Tras oito lexislaturas como parlamentario, o popular aconsella ás súas compañeiras e compañeiros ser  "moderadamente tranquilos e saber escoitar moito porque se escoitas almacenas un coñecemento amplo. Así tes capacidade para facer un mellor debate e analizar mellor as cousas".  

Na que será a súa última lexislatura, o popular márcase o reto de seguir coas iniciativas para abrir o Parlamento de Galicia á sociedade como as visitas de escolares.  Apunta que malia a ser a primeira institución da comunidade autónoma, o parlamento é "unha institución descoñecida". Destaca que "levamos uns anos intentando que o parlamento sexa máis coñecido e que a xente participe nas actividades, que coñeza o que fan os representantes que elixiron. Creo que está funcionando ben pero queda moito por facer e nesta nova lexislatura queremos consolidalo". 

Sobre Alfonso Rueda, Santalices di que o "sorprendeu para ben" como presidente da Xunta e como parlamentario e destacou a súa "xenerosidade e o seu compromiso na defensa de Galicia". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade