O primeiro inventario forestal de Galicia di que piñeiros e frondosas suman máis superficie ca os eucaliptos
O primeiro inventario forestal de Galicia di que piñeiros e frondosas suman máis superficie ca os eucaliptos
O primeiro inventario forestal de Galicia di que piñeiros e frondosas suman máis superficie ca os eucaliptos
Galicia é a primeira autonomía de España que fai inventario continuo da súa riqueza forestal
O primeiro inventario forestal de Galicia desvela que tanto as árbores frondosas autóctonas como as coníferas ocupan máis superficie ca os eucaliptos.
Concretamente os eucaliptos esténdense por 409.000 hectáreas fronte ás 422.000 que ocupan as coníferas e ás 620.000 hectáreas das frondosas.
Os primeiros resultados do inventario forestal continuo de Galicia din que agora frondosas coma carballos, castiñeiros ou bidueiros, sumadas aos piñeiros ocupan máis do dobre de hectáreas dos eucaliptos.
Son datos moi precisos, que mesmo distinguen entre castiñeiros vellos e novos, indican a inclinación do terreo e incluso o volume da masa forestal susceptible de arder nun incendio.
"É dicir, somos capaces non só de visualizar as especies arbóreas, senón tamén a maleza, a masa arbustiva que hai e polo tamaño que poden ter por exemplo xestas, toxos e tal calcular a carga de combustible e a potencia que podería ter o incendio polo tanto penso que é un avance moi importante na loita contras os incedios forestais", di José González, conselleiro do Medio Rural.
Galicia é a primeira autonomía de España que fai inventario continuo da súa riqueza forestal. Está incluido no plan forestal 2021/2040.
"Eu creo que isto vai supoñer, sobre todo cando se avance máis na súa elaboración, un antes e un despois para todo o mundo, tamén para as empresas que se dedican á madeira; sobre todo para a súa planificación... Xa dicía, este ano 2023 entrará en funcionamento o plan estratéxico da industria forestal da madeira no que tamén moitos que están aquí participaron e quero agradecérllelo. Hai que aliñar o plan forestal de Galicia coas necesidades da industria. O plan forestal ten que estar centrado no recurso e as necesidades da industria no produto", di Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia.
No territorio galego hai un millón e medio de hectáreas arboradas. O sector forestal aporta o 2 % do produto interior bruto de Galicia e o 12 % do emprego industrial.