O proxecto de conversión do corredor Brión-Noia en autovía recibe o informe ambiental favorable
O proxecto de conversión do corredor Brión-Noia en autovía recibe o informe ambiental favorable
A primeira parte do proxecto conectará o final da autovía AG-56 Santiago-Brión e o tramo Martelo-Noia
O Diario Oficial de Galicia recolle este venres o anuncio polo que a Xunta fai público o informe de impacto ambiental favorable do proxecto de conversión do corredor Brión-Noia en autovía.
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sustentabilidade deu o seu visto e prace para o proxecto, dado que non son previsibles efectos adversos significativos sobre o medio ambiente. En concreto, o tramo analizado é o da primeira parte do proxecto, que comprende entre os puntos quilométricos 11,640 e 21,300.
O trazado terá unha lonxitude de 9,66 km, iniciándose no final da autovía AG-56, Santiago-Brión e finalizando no tramo Martelo-Noia. Esta primeira fase de conversión en autovía supón o 60 % da lonxitude de 18,2 km da vía de altas prestacións Brión-Noia.
A estrada proxectada no desdobramento será para cada calzada de dous carrís de 3,5 metros, beiravías de 2,5 metros exterior e 1 metro interior, e dispoñerá de mediana de 3 metros entre o bordo da beiravía das plataformas contiguas, dándolle continuidade ás características da autovía no tramo Santiago-Brión.
Con esta resolución, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pon fin á tramitación ambiental do proxecto construtivo, unha decisión que tamén lle foi trasladada á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), como organismo promotor, para que poida continuar cos trámites necesarios para a súa execución.