Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PSdeG está orgulloso do papel de Besteiro, pero será a militancia quen elixa o candidato á Xunta

O PSdeG está orgulloso do papel de Besteiro, pero será a militancia quen elixa o candidato á Xunta

Formoso destacou o encargo relevante que o PSOE lle deu porque formará parte da comisión encargada de “evitar novas eleccións” e buscar “estabilidade” para o país

O líder do PSdeG asegurou que as primarias se celebrarán proximamente, aínda que neste momento danlle "prioridade a conformar goberno”

G24.gal 05/10/2023 12:17

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, puxo en valor este xoves que o partido está “orgulloso” do papel que José Ramón Gómez Besteiro está a xogar a nivel estatal, aínda que incide en que esta relevancia non o coloca automaticamente como candidato á presidencia da Xunta, xa que será “a militancia” a que decida o nome do próximo aspirante.

O actual líder do PSdeG pronunciouse así despois de que Gómez Besteiro fora elixido como membro da comisión de sete persoas para negociar a investidura de Pedro Sánchez cos grupos, entre os que tamén están membros destacados do partido como María Jesús Montero, Félix Bolaños, Santos Cerdán e Pilar Alegría. Formoso celebrou que “por fin despois da inxustiza xudicial” á que se someteu a Gómez Besteiro agora “podamos gozar da súa forma entender política e dos seus valores galeguistas”.

Destacou o encargo relevante que o PSOE lle deu porque formará parte da comisión encargada de “evitar novas eleccións” e buscar “estabilidade” para o país. Neste sentido, incidiu no “papel tan responsable” que se lle outorgou ao dirixente galego aínda que isto non signifique que Besteiro estea máis preto de ser o próximo candidato á presidencia da Xunta.

“Neste partido, que se achegue máis ou menos depende dun filtro democrático que se chama militancia e será a xente a que decida quen é o mellor candidato” nunhas eventuais primarias, explicou Formoso, a pesar de que as eleccións internas estaban fixadas para o pasado 17 de setembro pero foron aprazadas por orde de Ferraz.

O líder do PSdeG asegurou que as primarias se celebrarán proximamente, aínda que neste momento danlle "prioridade a conformar goberno”, en tanto que “un dos potenciais candidatos, segundo todos os medios, está incluído nesa comisión negociadora".

O PSdeG ve as primarias “necesarias e urxentes” dado o “baile de incerteza” ao que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, está a someter o país ao barallar un posible adianto electoral. Formoso considerou que será “un whatsapp de Feijóo” o que decidirá a data das eleccións galegas en función dos intereses do PP.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade