Publicador de contidos
Publicador de contidos

PSOE e ERC chegan a un acordo para rebaixar as penas por malversación

PSOE e ERC chegan a un acordo para rebaixar as penas por malversación

Se non hai ánimo de lucro serán como máximo de catro anos de prisión

Os dous partidos discrepan sobre se a reforma do delito beneficiará ou non os condenados polo procés

G24.gal 12/12/2022 20:31 Última actualización 12/12/2022 20:50

O PSOE e Esquerra Republicana chegaron esta tarde a un acordo para rebaixar as penas por malversación. Quedarán nun máximo de catro anos cando non exista ánimo de lucro ou enriquecemento persoal, a metade do que establece agora mesmo o Código Penal. Ambos os partidos discrepan sobre se a reforma do delito vai beneficiar ou non os condenados polo procés.

O acordo entre o PSOE e Esquerra Republicana, que apoiou finalmente Unidas Podemos, distingue entre tres tipos de malversación, con penas máis reducidas que as actuais pero máis altas que as que pretendía Esquerra Republicana.

Establece un máximo de catro anos de cadea cando non haxa ánimo de lucro nin enriquecemento persoal, a metade que ata agora. Á proposta dos socialistas inclúese unha nova figura penal, o desvío orzamentario irregular: "É dicir, castígase o mal uso do diñeiro publico cando se utiliza para outros fins que non son os orixinalmente fixados", segundo explicou a portavoz do PSOE, Pilar Alegría

Conforme á interpretación do PSOE, con este tipo penal non quedarían impunes os líderes do procés, aínda que si que verían reducidas as penas. Esquerra Republicana discrepa, considera que ningún dos procesados pola organización do referendo entraría nese suposto.

Os cambios na malversación quedan incorporados xa á lei que suprime tamén o delito de sedición, que o Goberno quere levar o próximo xoves ao Congreso. Partido Popular, Vox e Ciudadanos critican a présa, din, que ten o Goberno para reformar o Código Penal.

Exministros e exdeputados socialistas están en contra destes cambios no Código Penal. Publicaron un manifesto en que tachan de burla falar de desinflamación do conflito catalán e advirten de que atenta contra a Constitución.

A Asociación para a Defensa dos Valores Democráticos cre que o único propósito do Goberno é obter a calquera prezo o apoio parlamentario dos partidos separatistas e dos que están en contra da Constitución. Entre os máis de 300 asinantes hai cinco exministros socialistas e exdeputados, como Francisco Vázquez e Nicolás Redondo.

O líder da oposición insta a Pedro Sánchez a convocar eleccións de xeito inmediato. Alberto Núñez Feijóo acusa o presidente do Goberno de enganar a cidadanía e os membros do seu propio partido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade