O PSOE mantense na intención de esixir máis requisitos aos menores trans
O PSOE mantense na intención de esixir máis requisitos aos menores trans
A Plataforma trans anuncia unha manifestación contra as emendas do PSOE
Entre as peticións inclúese a autorización dun xuíz para o cambio de sexo no rexistro para os menores entre os 12 e os 16 anos
Presentáronse un total de 37 emendas en materia de erradicación da violencia, inclusión laboral e sanitaria, entre outras
O grupo parlamentario socialista rexistrou 37 emendas ao proxecto de lei trans este luns.
A pesar da protesta do colectivo LGBTIQ+, o PSOE mantén a proposta de que un xuíz autorice o cambio de sexo no rexistro no rango de idade entre os 12 e os 16 anos.
Despois das negociacións con Unidas Podemos, no proxecto de lei remitido ao Congreso os maiores de 14 anos e menores de 16 poden cambiar o sexo no rexistro sempre que vaian "asistidos" polos pais e nais ou titores. A intervención xudicial resérvase para os que teñen entre 12 e 14 anos.
A proposta ampárase nas advertencias do Consello de Estado ou o CXPX, que son órganos contrarios á libre autodeterminación de xénero no caso dos menores. Por outro lado, a decisión levantou duras críticas no colectivo LGBTIQ+, que confiaba incluso en aumentar os dereitos dos menores trans.
Carmen Calvo subliñou a necesidade de que a normal sexa "plenamente constitucional", "rigorosa" e "protectora da infancia", porque, segundo augurou, "previsiblemente será recorrida ante o Tribunal Constitucional".
O PSOE tamén estuda eliminar da lei as referencia á violencia intraxénero (é dicir, a que ten lugar dentro da parella LGBTIQ+) para evitar equiparala coa violencia de xénero. Segundo argumentan, a actual regulación da violencia de xénero dá cobertura a todos os supostos.
Tamén se pronunciaron sobre a posibilidade de reverter un cambio de sexo no rexistro e mantén que poida facerse pasados seis meses, aínda que tamén estudan que, para dar marcha atrás, sexa necesaria a intervención dun xuíz.
No ámbito laboral, propoñen eliminar a mención expresa ás persoas trans, con especial atención ás mulleres trans, nos plans de igualdade e non discriminación. Outra medida que reclaman é a acción positiva para a contratación do colectivo.
No caso de aceptarse estas emendas, as empresas de máis de 50 traballadores terán un ano para adoptar medidas para a igualdade das persoas LGBTI e un protocolo para o acoso.
Tamén no ámbito familiar, o grupo contempla erradicar a discriminación do colectivo para adoptar e remarcan a necesidade de que os menores susceptibles de ser adoptados coñezan a diversidade familiar.
Da mesma maneira rexistráronse propostas para reforzar a atención sanitaria das mulleres lesbianas e bisexuais, protexer as mulleres trans en situación de prostitución, concretar o traballo dos consulados españois ante os matrimonios de parellas do mesmo sexo e definir función da Autoridade Independente para a Igualdade de Trato e a Non Discriminación.
Outra das peticións foi a eliminación dun artigo sobre a responsabilidade patrimonial e a reparación do dano cando se discrimine por razón de sexo ou xénero.
Co obxectivo de reforzar a protección do colectivo LGTBI no ámbito rural, os socialistas suxiren nas súas emendas estudar o "sexilio", palabra coa que alude á decisión de moitas persoas de abandonar o seu lugar de residencia ante o rexeitamento ou a discriminación que sofren.
Ademais de medidas que garantan os dereitos e oportunidades das persoas LGTBI nese medio rural, instan as administracións públicas a promover un turismo diverso e inclusivo e consideran necesario previr a falta de fogar entre este colectivo, ás veces vítima de delitos de odio.
O prazo para presentar emendas ao controvertido proxecto, que conta co rexeitamento frontal do PP e Vox, concluirá o mércores, xa que a semana pasada, tras as presións recibidas do Ministerio de Igualdade e do colectivos LGTBI, os socialistas garantiron que non habería máis prórrogas.
A Plataforma Trans convoca manifestacións
A Plataforma Trans rexeitou este luns as emendas do PSOE á lei trans por consideralas contrarias á autodeterminación do xénero, ademais de "prexuizosas e estigmatizantes" cara a estas persoas, e anunciou unha manifestación en contra o vindeiro sábado 12 de novembro en Madrid.
Anunciouno nun comunicado tras coñecerse que o grupo parlamentario socialista rexistrou este luns 37 emendas ao proxecto de lei trans e, a pesar da protesta do colectivo LGTBIQ+, mantén a súa proposta de que un xuíz autorice o cambio de sexo no rexistro aos menores de 16 anos e maiores de 12.
Desde a Plataforma Trans consideran que as propostas de restrición aos menores de 16 anos mediante proceso xudicial son inconstitucionais e contrarias ás recomendacións europeas que, segundo subliñan, "en todo momento falan de procedementos administrativos, rápidos, sinxelos e sen límite de idade".