Publicador de contidos
Publicador de contidos

O desbordamento do Mandeo causa inundacións en varias zonas de Betanzos

O desbordamento do Mandeo causa inundacións en varias zonas de Betanzos

O río saíu da súa canle coincidindo coa premar á altura dos lugares da Ribeira, Porto e Tolerancia

G24.gal 12/02/2024 17:25

O desbordamento do río Mandeo en Betanzos, coincidindo coa preamar de máis de catro metros e o gran caudal existente, provocou enchentes nalgunhas zonas do municipio, en concreto na Tolerancia, Porto e Ribeira.

Así o informou o consistorio, que explica que se mantén un dispositivo de vixilancia "ante o risco de que nas próximas horas volvan producirse inundacións" nestas tres zonas "como as ocorridas á primeira hora". O sucedido atribúeo á "preamar, un episodio de choivas e a subida do caudal do río Mandeo, cunha velocidade e presión da auga moi elevada". Todas esas circunstancias provocaron que o río se desbordase na zona da Ribeira, Porto e Tolerancia e que tivesen que actuar os servizos de emerxencia de Protección Civil.

Para este martes, a previsión é que a preamar da mañá chegue a niveis tamén moi elevados, sobre os 4,08 metros. Estes niveis baixarán a partir do mércores, segundo as previsións.

"Do mesmo xeito que hai unhas semanas, cando se desbordou o río, o caudal do Mandeo e a velocidade da auga fan pensar que todo é provocado pola apertura de portas de presas augas arriba, que neste caso non foi comunicada ao Concello", sinala o consistorio.

Respecto diso, avanza que pedirá información sobre este feito, apuntado polos técnicos, co fin de que "na medida do posible, esta apertura non coincida con episodios de preamar tan alta".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade