Publicador de contidos
Publicador de contidos

O rei abre este luns as consultas, con Sánchez e Feijóo dispostos á investidura

O rei abre este luns as consultas, con Sánchez e Feijóo dispostos á investidura

Filipe VI afronta a súa novena rolda de consultas en nove anos de reinado

ERC, EH Bildu, Junts e BNG declinaron reunirse co monarca

Audiencia do rei con Francina Armengol tras a sesión de constitución do Congreso dos Deputados Audiencia do rei con Francina Armengol tras a sesión de constitución do Congreso dos Deputados
G24.gal 20/08/2023 17:04 Última actualización 20/08/2023 21:47

O rei abre este luns a súa novena rolda de consultas de investidura á Presidencia do Goberno, á que aspiran o líder do PSOE, Pedro Sánchez, e do PP, Alberto Núñez Feijóo, aínda que de momento ningún dos dous teñen asegurados os apoios suficientes dos grupos do arco parlamentario.

A XV lexislatura, que botou a andar o día 17 tras constituírse as Cortes, avanza nun escenario cheo de incógnitas, as mesmas que deixou o resultado electoral do 23-X, sen un candidato cun resultado que lle permita, de entrada, formar goberno.

A atención está posta agora na Zarzuela, onde a rolda de consultas de Filipe VI preséntase moi complicada. Os contactos comezarán ás 10:30 horas do luns coa Unión do Pobo Navarro (UPN), Coalición Canaria (CC), PNV e Sumar e seguirá o martes con Vox, PSOE e PP.

En total serán sete grupos políticos, xa que Esquerra (ERC), EH Bildu, Junts e BNG rexeitaron reunirse co monarca.

Unha vez que culmine as consultas o rei poderá propoñer un candidato ou acordar unha nova rolda cos representantes dos partidos politicos con representaciñon parlamentaria se non observa apoios suficientes a ningún dos aspirantes á investidura como presidente do Goberno.

O rei recibirá o luns, a partir das 10:30 horas, a Javier Esparza, de UPN, e a Cristina Valido, de CC; e pola tarde, a partir das 16 horas, a Aitor Esteban, do PNV e Yolanda Díaz, de Sumar.

O martes será a quenda dos tres partidos que obtiveron un maior número de escanos o 23 de xullo: o presidente de Vox, Santiago Abascal (10:30 horas); o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez (12.00) e pechará a rolda con Núñez Feijóo (16:00).

A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, reiterou a disposición de Núñez Feijóo a "asumir a investidura se así llo encarga o xefe do Estado, o rei Felipe VI". A portavoz do PP no Congreso cualificou de "destacable" que sexan ERC, EH Bildu, Junts e Bildu os que rexeitaron acudir á Zarzuela, que son "os grupos que apoian" a Sánchez.

"Iso demostra o escaso respecto que teñen ás nosas institucións e ao noso marco democrático", engadiu Gamarra, que insistiu en que "o independentismo e os prófugos por atacar o Estado volveron a resultar indispensables para Sánchez", en alusión á constitución da Mesa do Congreso e ao nomeamento da presidenta da Cámara, Francina Armengol.

O ministro da Presidencia en funcións, Félix Bolaños, criticou este domingo o "empeño" de Núñez Feijóo por tentar a investidura e engadiu que "vai lembrar á moción de censura de Ramón Tamames", presentada por Vox.

Tras asistir á homenaxe e acto de entrega dos restos exhumados a familiares de vítimas da Guerra Civil e o franquismo de Pajares de Adaja e Navalmoral da Sierra en Ávila , o ministro dixo que unha investidura de Feijóo sería "unha perda de tempo" ao "coñecerse de antemán que o resultado vai ser un fracaso". "Os apoios xa se coñecen e son sempre os mesmos".

Sobre a investidura de Pedro Sánchez asegurou que están a traballar "con diálogo" para conseguir que o país "siga avanzando" e sendo "sensibles con todos os territorios e linguas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade