Publicador de contidos
Publicador de contidos

O reitor da USC cre que o novo Estatuto do Bolseiro podería limitar a oferta de prácticas

O reitor da USC cre que o novo Estatuto do Bolseiro podería limitar a oferta de prácticas

Antonio López advirte de que o acordo entre o Ministerio de Traballo e os Sindicatos sobre o Estatuto do Bolseiro podería reducir a oferta de prácticas por parte de empresas e administracións

Nunha entrevista na Radio Galega, o reitor compostelán apoia o que considera o obxectivo fundamental da nova regulamentación: evitar posibles abusos deslindando claramente a formación práctica da actividade laboral

G24.gal 12/06/2023 09:35

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, cre que o novo Estatuto do Bolseiro, acordado a semana pasada entre o Ministerio de Traballo e os sindicatos Comisións Obreiras e UXT, podería dificultar o acceso ás prácticas en empresas e administracións ao estudantado universitario.

Antonio López critica o acordo por dúas razóns. A primeira por unha cuestión de procedemento.

"É sorprendente que un decreto que vai regular o estatuto dos estudantes en prácticas universitarias se negocie entre representantes do ministerio de Traballo e os sindicatos sen ter en conta nalgún momento a opinión das universidades, polo menos do ministerio de Universidades. Iso é un déficit da súa tramitación", afirma López.

A segunda, polas novas obrigas que establece para universidades, empresarios e administracións.

"A gran preocupación nosa é que as obrigas adicionais que contempla o acordo sobre o Estatuto do Bolseiro fagan diminuír a oferta de prácticas para os nosos estudantes que fagan as empresas ou outras institucións", sostén o reitor compostelán.

O maior problema do novo regulamento, aínda non asinado polo ministerio e os sindicatos, é, segundo o reitor da USC, é que abre a porta a que as universidades asuman os custos de xestión derivados dos trámites dos estudantes en prácticas coa Seguridade Social, por exemplo, a xestión das altas e das baixas.

"Quizais o problema máis grave sexan os custos de xestión que ten tramitar as altas e as baixas dun número moi importante de estudantes que van estar facendo prácticas en períodos moi curtos de tempo. Iso ten un custo de xestión que en principio recaería sobre a empresa, pero que, a través de convenios, podería ser asumido polas universidades", cre Antonio López.

"As empresas vannos pedir que asumamos eses custos de xestión. Todo iso vai dificultar o desenvolvemento dunha cuestión que nos parece moi positiva, como é a da realización de prácticas polo estudantado".

Antonio López asume que o obxectivo fundamental do novo Estatuto é evitar que os estudantes en prácticas poidan ser obxecto de abusos por parte das empresas, que camuflen como prácticas o que son realmente traballos de carácter laboral.    

"A norma trata de evitar e niso estamos de acordo, que poida darse o caso de que haxa abusos en determinados casos, pois a través destas prácticas, as empresas estean ocultando o desempeño de actividades laborais. Este é o obxectivo fundamental desta nova regulamentación: deslindar claramente a formación práctica da realización dunha actividade que merecería a regulación dun contrato laboral", conclúe o reitor da USC.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade