O rural máis solidario estende as súas redes para axudar os damnificados pola DINA
O rural máis solidario estende as súas redes para axudar os damnificados pola DINA
Todas as parroquias de Ames instalaron puntos de recollida para ampliar a rede de axuda a Valencia
Na parroquia de San Pedro de Bugadillo de Ames viven arredor de 1.500 veciños espallados en 11 aldeas que tamén quixeron sumarse á marea solidaria.
"A verdade é que cando se viu semellante traxedia na asociación xa falabamos como colaborar porque, a verdade, e ao pouco, pois nos ofreceu o Concello que había unha iniciativa por parte da FEGAMP de recoller produtos e axudas para Valencia e nós aceptamos enseguida e ofrecemos os nosos locais", explica Anxo Doval, vicepresidente da asociación de veciños de Bugallido.
Este domingo fixeron un chamamento á veciñanza a través das diferentes asociacións e grupos de WhatsApp.
"E logo tamén na mesma misa o cura anunciouno. Anunciámolo de todas as maneiras posibles, eu creo que non quedou ninguén sen sabelo", continúa.
E a resposta non tardou en chegar.
"Tivemos unha incesante chegada de veciños, algúns co maleteiro a tope, a verdade emociona, a resposta foi moi boa", conta Anxo.
Hoxe é o último día de recollida, será en horario de tarde de 8 a 10 coincidindo coa maior afluencia de veciños que acoden a esas horas as actividades culturais que teñen programadas. Pero a iniciativa solidaria non vai rematar. Teñen pensado abrir liñas de axudas económicas que se van canalizar a través de asociacións de Valencia coas que ten contacto unha veciña da parroquia que é natural do Levante.
Como en San Pedro de Bugallido, as outras parroquias do concello de Ames tamén abriron as súas casas da cultura para habilitar puntos de recollida. Agora toca facer chegar a Valencia todas as axudas.
"O que estamos a facer é recollelos, gardalos e almacenalos para que unha vez en Valencia nos digan que os precisan, mandárllelos canto antes", engade Rubén Ramos, técnico da Oficina de Voluntariado do concello de Ames.