O secretario xeral do Eixo Atlántico di que se manteñen os prazos do AVE a Portugal
O secretario xeral do Eixo Atlántico di que se manteñen os prazos do AVE a Portugal
Xoán Vázquez Mao cre que se vai poder viaxar en tren de alta velocidade entre A Coruña e Lisboa no 2030
Malia as previsións de Bruxelas, o secretario xeral do Eixo Atlántico di que non hai motivo para a alarma sobre a futura conexión de alta velocidade entre Galicia e Portugal.
Xoán Vázquez Mao asegura que conversou esta mesma semana co vicepresidente de Infraestruturas do país veciño e que se manteñen os prazos previstos. O 2030 para os tramos entre a fronteira e Braga, entre Lisboa e O Porto, e entre esta cidade co seu aeroporto.
O tramo entre o Sá Carneiro e Braga estará no 2023, por iso, segundo Vázquez Mao, Bruxelas sitúa administrativamente a obra no horizonte do 2040.
"Administrativamente para Bruxelas, polo tanto, a obra non vai estar no período 2030. Eles o que din é que ten que estar antes do 2040, e a previsión é que estea. Agora, nós imos poder coller o tren entre A Coruña e Lisboa no 2030? En principio si, tal e como está previsto. E entre Braga e Porto, en vez de ir pola liña nova, iremos pola vía actual, o que suporá un atraso duns 15 minutos, o cal non é significativo. Polo tanto, non hai nada novo que provoque estas alarmas".
Si expresou preocupación por outras infraestruturas ferroviarias que tamén considera prioritarias, como a conexión entre Ferrol e A Coruña, e entre esta cidade con Lugo e Monforte. Segundo dixo, son fundamentais para darlles saída polo corredor atlántico ás mercadorías dos portos galegos.