Publicador de contidos
Publicador de contidos

O sector da construción alerta de perdas millonarias pola paralización de parques eólicos

O sector da construción alerta de perdas millonarias pola paralización de parques eólicos

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ten 27 parques suspendidos cautelarmente

A Federación Galega da Construción calcula que con esa paralización perden 1.200 millóns de euros

G24.gal 16/04/2024 14:59

Son case unha trintena os parques eólicos paralizados cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, unha decisión que preocupa na Federación Galega da Construción. Din que para o seu sector supón perdas millonarias.

"Estamos falando de máis de 1.200 millóns de euros de afección", calcula Diego Vázquez, presidente da Federación. "Tamén ten un impacto na carga de traballo e nos postos de traballo aparellados", engade.

Temen que continúe o goteo de suspensións cautelares, que o Superior dita por distintos criterios. Entre eles, a cautela ambiental e a protección do patrimonio que puidera estar afectado. Pero, para Vázquez, está garantida esa protección. "Hai moitos técnicos implicados, moitos filtros que houbo que pasar para que esas declaracións de impacto ambiental se levaran a cabo", di.

"Queremos protexer o noso recurso natural, o noso medio ambiente -insiste-, pero teremos que ser capaces de concilialo coa actividade industrial", afirma o presidente da Federación Galega da Construción.

Cren que a paralización dos parques eólicos pode frear o desenvolvemento de novos proxectos industriais aquí. Nesa liña manifestaron tamén a súa preocupación as organizacións empresariais.

Temen que a resolución se atrase aínda máis se o Superior eleva a consulta ao Tribunal Europeo. Anunciouno en marzo, pero agora tería que dar marcha atrás e adiar a consulta ata darlles audiencia ás partes implicadas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade