O sector eólico pide maior seguridade xurídica para garantir os investimentos en Galicia
O sector eólico pide maior seguridade xurídica para garantir os investimentos en Galicia
A Asociación eólica de Galicia asegura que están en risco 6.000 millóns en investimentos e máis de 14.000 empregos pola paralización de 40 parques
Galicia sitúa a neutralidade climática no ano 2040 e precisa das renovables para conseguila.
Entre elas da eólica. Un sector que en Galicia teme perder o tren da industrialización, coa suspensión cautelar de 40 parques no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por posible dano ambiental.
No II Foro da Enerxía que se celebra en Santiago Manuel Pazo, presidente da Asociación Eólica de Galicia, mantivo que "non só están paralizados os parques, senón que están en risco os proxectos industriais e iniciativas empresariais. Están en risco seis mil millóns en investimentos e máis de 14.000 empregos".
Un deses investimentos está en Mugardos. Alí Forestal do Atlántico superou a tramitación ambiental para a súa fábrica de metanol. Un proxecto innovador que precisa de hidróxeno verde como materia prima para a síntese do metanol.
Andrés Fuentes, director xeral de Forestal do Atlántico explica que "Europa lexislou e puxo unhas condicións que son imprescindibles para que ese hidróxeno sexa considerado como verde. Esa enerxía ten que vir necesariamente de parques novos, senón non vale. Entón, se non hai parques novos non hai hidróxeno e se non hai hidróxeno non hai metanol".
Produtores, empresas e administracións coinciden na necesidade de dar seguridade xurídica para atraer investimentos.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, dixo na inauguración do foro sobre renovables que "non pasa nada porque haxa recursos. Ao final o que temos que ter é total seguridade xurídica" para facilitar que as empresas asentadas en Galicia poidan adaptarse a un futuro sostible.