O sector pesqueiro adía o amarre polo prezo do gasóleo tras a reunión co ministerio
O sector pesqueiro adía o amarre polo prezo do gasóleo tras a reunión co ministerio
Planas proporá en Bruxelas compensacións previstas no Fondo Europeo Marítimo
O paro de transportistas asfixia ainda máis o sector e obriga a parar a frota do Cantábrico
Tras a reunión deste martes o ministerio volverá convocar a próxima semana o sector pesqueiro. Será despois de propoñer en Bruxelas axudas do Fondo Europeo Marítimo para compensarlles os custos extraordinarios que pagan polo combustible.
Alicia Villauriz, secretaria xeral de Pesca di que o asunto afecta a toda a frota comunitaria e esixe solución comunitarias.
"É importante tomar medidas, tomalas con urxencia e implementar as que xa temos no novo fondo para poder afrontar unha situación como a que estamos vivindo", afirmaba Villauriz o remate da xuntanza.
Da reunión tamén saíu o compromiso de abrir unha negociación sobre as outras reivindicacións do sector como a exoneración das cotas das Seguridade Social ou rebaixas do IVE. Unha negociación que afectaría outros sectores e abrangue varios ministerios. Confrarías e patronal pesqueira confían en evitar o paro total da frota e o desabastecemento.
"Imos confíar en que as medidas se non son para mañá sexan para pasadomañá. Un día máis si que podemos esperar sen problema ningún", aseguraba o presidente da Federación Nacional de Confrarías, o galego Basilio Otero.
O secretario xeral de Cepesca, Javier Garat coincidía en que precisan medidas que a curto prazo signifiquen unha axuda para o sector pesqueiro. Insistiu en que queren seguir traballando e que faran todo o posible para non ter que amarrrar.
Pero advertiu que os problemas derivados do sobrecusto do gasóleo súmase para o sector o paro dos transportistas que lles está impedindo sacar as capturas o mercado. Por exemplo en Burela só descargou un barco da volanta e para este mércores están suspendidas todas as poxas.
"Deixáronse de comercializar 30.000 quilos de pescada por valor de 120.000 euros. Xa é un impacto moi moi alto sobre a frota pesqueira", explicaba o xerente da asociación de armadores, Miguel Neira.
Ante a folga do transporte a frota de cerco do Cantábrico decidiu non saír pescar ata o luns. Na costeira do bocarte e da xarda nesa zona traballan decenas de pesqueiros galegos.