Publicador de contidos
Publicador de contidos

Axudas directas para os sectores pesqueiro e agrogandeiro a maiores da bonificación do gasóleo

Axudas directas para os sectores pesqueiro e agrogandeiro a maiores da bonificación do gasóleo

O ministro de pesca explicóullelas aos representantes de ambos os sectores

G24.gal 29/03/2022 20:42

As axudas que o Goberno aprobou para o sector pesqueiro distribúense en tres liñas complementarias.

Por unha banda, o sector benefíciase da redución de 20 céntimos por litro de gasóleo se se carga combustible en territorio nacional. Por outra, o Estado concede 18 millóns en axudas directas a cada barco, entre 1.550 e 35.000 euros por cada buque en función da tonelaxe bruta. A estas achegas poderían acollerse unhas 7.600 empresas e poderían percibirse no prazo dun mes.

"Estas son novas axudas directas que se van xestionar a través dun mecanismo de pagamento directo por parte da Administración" dixo o ministro Luís Planas. "Agardamos que en arredor de trinta días os beneficiarios poidan recibir as cantidades correspondentes".

A terceira liña de achegas refírese ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura. De aí saen 50 millóns. Trinta son axudas para empresas de pesca, 9 millóns ponos o Estado. Pretende cubrir os custos de explotación que se incrementaron desde a invasión de Ucraína por parte de Rusia.

"Financiar aqueles custos que desde o 24 de febreiro foron superiores aos custos dos anos 2019, 20 e 21. E ademais vai haber un adianto de 10 % do importe" seguiu Planas.

Deses fondos europeos, a acuicultura recibirá 20 millóns de euros.

Outras axudas consisten no aprazamento das cotas da Seguridade Social por un período de tres meses, de abril a xuño; a exención da taxa portuaria para o peixe fresco, ou a bonificación do canon de uso de bens de dominio publico hidráulico para as explotacións acuícolas.

Sector agrogandeiro

O ministro reuniuse tamén co sector agrogandeiro para explicarlle as axudas que vai recibir. Son máis de 193 millóns de euros para gandaría e agricultura e 169 millóns para os produtores de leite, a maior parte para os de leite de vaca, con axudas entre 80 e 210 euros por cabeza ata un máximo de 40 animais. Isto xunto á bonificación ao gasóleo. 

Dos 193 millóns destinados para gandaría e agricultura, 64.5 achégaos a UE e a diferenza o Estado, ademais da liña de crédito do Instituto de Crédito Oficial e da Sociedade Estatal de Caución Agraria, que tamén afecta aos pescadores.

A norma aprobada tamén exime os agricultores da obriga de deixaren en barbeito un 5 % das súas superficies de cultivo e flexibilízase o requisito de diversificación. Engadido a iso, súmanse as medidas horizontais, como a redución de 20 céntimos durante tres meses no prezo do gasóleo, que pode supoñer un impacto positivo de 78 millóns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade