A investigación ás exportacións que abriu A China preocupa no sector porcino galego
A investigación ás exportacións que abriu A China preocupa no sector porcino galego
Un posible freo ás exportacións causaría o desequilibrio na produción gandeira e a consecuente caída de prezos
A investigación ás importacións de porcino europeo prolongarase un ano, segundo anunciou o Goberno chinés. É un mercado estratéxico para as empresas españolas: venderon alí máis de 560.000 toneladas de carne de porco en 2023, cun volume de negocio de 1.223 millóns de euros.
España é o principal exportador europeo de porcino á China, e dende o Goberno agardan que a investigación non pase a maiores. "Desexamos que se poida chegar a un acordo sen a necesidade de impoñer ningún tipo de aranceis", dixo o ministro Luis Planas. "Temos que buscar vías de entendemento", engadiu.
Calquera medida restritiva poñería en risco o mercado directo que están abrindo as grandes cárnicas galegas na China. "Esas serían as máis preocupadas -di Félix Porto, de Unións Agrarias- pero tamén todas as granxas integradas nelas".
E é que no sector preocupa un posible freo ás exportacións, e o desequilibrio que podería provocar na produción gandeira. Das granxas galegas saen catro millóns de porcos ao ano, pero polo menos o 70 por cento sacrifícase fóra de aquí.
"Se hai un tapón e se deixa de matar unha porcentaxe deses porcos, eses porcos non van saír de aquí", explica Pablo Meijomín, presidente de Fegapor. "Habería unha sobreprodución, e iso repercutirá no prezo", engade.
Da mesma opinión é Porto, de UUAA: "vai significar que se poida anegar o mercado da carne de porcino, que provoque unha baixada de prezos". Para el, pode ser "a puntada definitiva para levarse moitas explotacións por diante".
A China abriu investigación para avaliar se hai competencia desleal nos prezos do porcino, pero dende o sector explican que non hai dumping, senón que aquí producimos mellor, e máis barato.
"Europa é hoxe o mellor produtor de porcino do mundo", explica Meijomín. Di que na China producen "moi por riba dos 2 euros en quilo", cando o noso custo pode andar por 1,30-1,40 euros. "Non entenden que produzamos tan barato e tan ben", afirma.
As consecuencias dunha posible guerra do porcino coa China sentiríanse, din, nas 1.300 granxas que producen en Galicia. Temen, segundo Porto, que volvan ser os agricultores e gandeiros os que paguen as consecuencias das leas comerciais noutros sectores.