Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Senado aproba definitivamente a reforma do poder xudicial

O Senado aproba definitivamente a reforma do poder xudicial

O CXPX pospón ao 5 de agosto a elección do seu presidente por falta de maioría

O Senado aproba definitivamente a reforma do CXPX (EFE/ Daniel González) O Senado aproba definitivamente a reforma do CXPX (EFE/ Daniel González)
G24.gal 31/07/2024 13:20

O pleno do Senado aprobou este mércores definitivamente a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e do Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal pactada polo PP e o PSOE dentro do seu acordo para desbloquear a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Despois de que fose aprobada no Congreso, os senadores avalaron o ditame emitido onte pola Comisión de Xustiza, que rexeitou o veto presentado por Vox, e opuxéronse ás 16 emendas parciais expostas por varios partidos que se votaban hoxe.

Socialistas e populares acordaran non aceptar ningún cambio no texto inicial enviado polo Congreso, o cal permitiu a aprobación definitiva en pouco máis dun mes da reforma do poder xudicial, cuxa tramitación polo procedemento de urxencia comezou o pasado 30 de xuño.

Coa súa aprobación péchase o curso político nas Cortes, aínda que existe a posibilidade de que a finais de agosto se celebre unha reunión da Deputación Permanente do Congreso, o órgano que permanece de garda fóra do período ordinario de sesións e con capacidade para adoptar decisións. 

O CXPX pospón ao 5 de agosto a elección do seu presidente por falta de maioría

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) pospuxo ao próximo luns 5 de agosto a votación para elixir o presidente deste órgano e do Tribunal Supremo despois de que tras case unha decena de votacións ningún dos sete candidatos propostos alcanzase a maioría esixida para ser nomeado.

Ante esta situación, os vogais acordaron que o pleno do CXPX volva reunirse o luns e reiniciar o proceso de elección cos sete candidatos propostos na sesión constitutiva celebrada o pasado 25 de xullo, informaron fontes do órgano de goberno dos xuíces.

A oitava votación para nomear presidente finalizaba esta mañá en empate entre os candidatos do sector progresista Pablo Lucas e Pilar Teso, que quedaron onte como finalistas ao concitaren máis apoios, dez votos cada un entre os vinte vogais,  dez nomeados a proposta do PP e dez do PSOE.

Ao non alcanzar ningún dos dous os tres quintos esixidos pola lei, doce votos, o pleno do próximo luns volverá votar os sete candidatos propostos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade