O Sergas amplía a campaña de vacinación contra a gripe 15 días máis
O Sergas amplía a campaña de vacinación contra a gripe 15 días máis
Preto do 77 % da poboación galega de máis de 65 anos xa ten a vacina
A taxa de vacinación no grupo de 6 a 59 meses de idade está no 53 %
Aquelas persoas que aínda non se vacinaron contra a gripe teñen unha nova oportunidade. A Xunta ampliou quince días máis a campaña de vacinación, que estaba previsto que rematase este sábado 31 de decembro.
Aínda non se alcanzou o pico de infeccións por gripe en Galicia, por iso o Sergas seguirá vacinando un par de semanas máis para ofrecer a posibilidade de protexerse as persoas que aínda non o fixeron.
No que vai de campaña, a porcentaxe de vacinación contra a gripe na poboación galega de máis de 65 anos supera xa en catro puntos a porcentaxe acadada na campaña pasada.
"Por riba dos 65 anos o obxectivo que nos propuxemos acadar desde a Consellería de Sanidade era dun 75 % e xa alcanzamos case un 77 % de cobertura agora mesmo, uns catro puntos por riba da cobertura do ano pasado. Por riba dos 60 anos temos arredor do 71 ou 72 % o cal é unha cobertura moi boa", destaca Susana Mirás, xefa de control de enfermidades transmisibles do Sergas.
En canto á vacinación infantil contra a gripe, segundo o Sergas aínda non se acadou o obxectivo previsto.
"Estamos avanzando bastante ben a pesar de ser o primeiro ano que nos puxemos un obxectivo amplo de acadar un 60 % de cobertura, estamos arredor do 53 % de cobertura. É un dato moi favorable para afrontar esta campaña", engade Susana Mirás.
Esta ampliación na campaña da gripe segue a poñer o foco principalmente na poboación diana, é dicir, a maior de 60 anos, nas nenas e nenos de entre os 6 e os 59 meses, nas persoas con inmunodeficiencia, nas embarazas e nos conviventes con persoas de risco.