O Sergas chama a doar sangue, sobre todo ás persoas do grupo A negativo
O Sergas chama a doar sangue, sobre todo ás persoas do grupo A negativo
A Axencia de Doazón de Sangue asegura que as reservas están baixas neste grupo
Cada día precísanse 500 doazóns para atender a demanda dos hospitais galegos
A Axencia de Doazón de Órganos e de Sangue (ADOS) chama a cidadanía a doar sangue, especialmente persoas do grupo sanguíneo A negativo, por ter baixas as reservas.
Segundo os datos que semanalmente ofrece ADOS, o grupo A negativo é o único que se atopa nesta situación. Mentres, os grupos A positivo, B positivo, B negativo, 0 positivo e 0 negativo están en reservas normais e nun nivel bo os AB positivo e AB negativo.
A axencia lembra que precisa 500 doazóns diarias para desenvolver de maneira eficaz as súas tarefas sanitarias. Por tanto, insta as persoas a achegárense a algunha das dez unidades móbiles que diariamente percorren Galicia ou a un dos sete centros permanentes de doazón situados nas principais cidades galegas.
O luns día 16 haberá unidades móbiles nos concellos da Coruña, Fisterra, Santa Comba, Teo e Santiago, e o martes estarán en Pontedeume, Sada, A Coruña, Santiago e Ribeira.